Deputación de Lugo
Turismo

Arranca no Pazo de Feiras unha nova edición de EQUIGAL, coa que colabora a Deputación

Deputación de Lugo
turismo
Equigal
Inauguración Equigal
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou na inauguración do evento, que conta cunha achega provincial de 40.000€

A cita terá lugar nas vindeiras fins de semanas ata o 17 de outubro e contará coa participación de 250 exemplares equinos

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres na inauguración do Salón Internacional do Cabalo, EQUIGAL, que se celebra este mes no  Pazo de Feiras de Lugo e conta co apoio da institución provincial cunha achega de 40.000€.

Esta edición, que recupera a presencialidade, levarase a cabo ata o 17 de outubro coa participación de 250 exemplares equinos. Durante a pasada fin de semana, EQUIGAL reuniu aos participantes do Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Árabe, e os actos continúan esta fin de semana co Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española e a exhibición de cabalo Pura Raza Galega e a copa galega de Enganche Federado.

Pablo Rivera destacou a importancia desta cita para a cidade de Lugo e para a provincia, en tanto que “contribúe á recuperación da actividade económica de sectores como a hostalería, o turismo ou o comercio”. “A provincia de Lugo é un referente no sector gandeiro e a aposta polo mundo do cabalo axuda a dar valor engadido ao sector primario”, sinalou o Deputado. 
 
O Salón Internacional do Cabalo de Galicia é, dende o 2008, unha cita ecuestre de referencia do noroeste de España. O certame conta coa colaboración da Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE), que goza dun gran prestixio a nivel nacional e internacional, avalado polas exportacións de cabalos das súas ganderías a diversos países de Europa e América.