Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente participa na Coruña na entrega de premios do Campionato do Mundo de Carreiras de Aventura

raid gallaecia
turismo
Tomé Roca incidiu en que esta proba, de impacto mundial cunha audiencia estimada de 7,5 millóns de espectadores, tivo un retorno económico directo para a provincia superior aos 200.000€, ao que haberá que engadir o impacto a longo prazo

O equipo sueco SAFAT foi o gañador desta edición da Gallaecia-AR World Championship 2021, que arrancou o sábado 2 de outubro en Monforte e desenvolveuse en diferentes concellos lucenses e das provincias de Ourense e A Coruña

O campionato bateu esta edición récord de participación, con preto de 100 equipos inscritos e máis de 400 participantes de 24 países, que completaron un trazado de 620 quilómetros combinando etapas de kayak, bicicleta de montaña ou trekking

A institución provincial achegou 60.000€ para a organización da carreira, un apoio que forma parte “da nosa aposta por consolidar á provincia de Lugo como un escenario de grandes acontecementos deportivos de repercusión global” para promocionar o territorio a nivel nacional e internacional, e favorecer o turismo de calidade e sostible

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este sábado no Parrote (A Coruña) na entrega de premios do Campionato do Mundo de Carreiras de Aventura, co que colaborou a institución provincial cunha achega de 60.000€. Tomé Roca incidiu en que esta proba, de impacto mundial cunha audiencia estimada de 7,5 millóns de espectadores, tivo un retorno económico directo para a provincia superior aos 200.000€, ao que haberá que engadir o impacto a longo prazo.

A colaboración da Deputación coa Gallaecia-AR World Championship 2021 responde “á vontade de consolidar á provincia de Lugo como un escenario de grandes acontecementos deportivos de repercusión global”, tal e como explicou o Presidente, que engadiu que axudará tamén a promocionar o territorio e favorecer o turismo de calidade e sostible. 

O mandatario provincial subliñou que a repercusión desta proba, que mobilizou a máis de 600 persoas -entre os participantes e os equipos de apoio-, “incentivou o consumo na hostalería e no comercio local”. A repercusión a longo prazo en termos de promoción “tamén será de primeiro nivel”, recalcou José Tomé, tendo en conta que a audiencia prevista deste campionato será de máis de 7,5 millóns de persoas, “que van ver a nosa paisaxe e patrimonio a través dos medios de comunicación e das redes sociais”. 

Os suecos SAFAT foron os gañadores desta edición da Gallaecia-AR World Championship 2021, que arrancou o sábado 2 de outubro en Monforte e se desenvolveu en diferentes concellos lucenses e das provincias de Ourense e A Coruña. O equipo escandinavo cruzou a meta aos 4 días, 1 hora e 56 minutos, sacando 4 horas de vantaxe aos estonianos ACE, que colgaron a medalla de prata. O bronce foi para os suecos NIAR que chegaron á Coruña  en 4 días, 7 horas e 38 minutos.

É a segunda vez que este Campionato do Mundo ten lugar en España, despois de que Castela e León a acollera no ano 2010. Esta edición bate récord de participación, con preto de 100 equipos inscritos e máis de 400 participantes de 24 países, que completaron un trazado de 620 quilómetros combinando etapas de kayak, bicicleta de montaña ou trekking.

Os mellores, entre os 100 equipos participantes
O campionato reuniu aos 11 dos 12 primeiros clasificados mundiais das Adventure Racing World Series (ARWS) 2021 entre os 100 participantes, unha cifra récord na historia das carreiras de aventura. Os franceses 400 Team Naturex, primeiros na clasificación, Lozere Team2Raid (9) e Hoka One One (12), os ecuatorianos Movistar-Terra Aventura (2) e Life Adventureteam Imptek (7), o español Torpedo-Vidaraid (3), os suecos ARSweden (4) e Swedish Armed Forces Adventure Team (SAFAT) (11), o Estonia Ace (5), o ruso Blizzard (8) e o  checo Black Hill-Salomon (10) son os 11 dos 12 primeiros clasificados das ARWS 2021.

Esta proba outorga o título de campión do mundo entre os 24 países participantes: España (36 equipos), Francia (14), Suecia (8), Estados Unidos (6), Gran Bretaña (5), Polonia (4), Dinamarca, Colombia (3), Ecuador, Estonia, Finlandia, República Checa e Rusia (2), Alemaña, Bélxica, Brasil, Croacia, Guatemala, Irlanda, Israel, Italia, Letonia, México e Países Baixos (1). Con esta cifra, o Raid Gallaecia supera o récord  de participantes na historia das carreiras de aventura. A plusmarca establecérase no XPD Australia en 2016, cando competiron 94 cuartetos.

A historia da competición
As orixes deste deporte remóntanse aos anos 60 do século pasado, coa organización da  Karrimor International Mountain Marathon (1968, Gran Bretaña) unha carreira de montaña que se disputou por parellas e na que os participantes debían cargar co material necesario para subsistir ao longo de dous días. O Raid Gauloises (1989, Nova Zelanda) foi a primeira proba que engadiu todos os elementos actuais das carreiras de aventuras tipo expedición: equipos mixtos, varios días de competición e máis de 400 quilómetros combinando disciplinas de trail, bicicleta de montaña, kayak, cordas e orientación.

O primeiro Campionato do Mundo de Raid de aventuras tivo lugar hai xusto 20 anos, no 2001, e esta será a edición número 17, posto que a proba non se puido disputar no 2002 e 2003, e leva dous anos sen celebrarse pola pandemia.

Pola súa parte, o Raid Gallaecia naceu no 2013, aínda que viña disputándose con diferentes denominacións desde 2005. Tras esa edición inicial, ao ano seguinte foi o Campionato de España da especialidade e no 2015 entrou nas AR World Series co nome de Raid Gallaecia Expedition Series Spain, adquirindo carácter bienal. Tras as edicións do 2017 e 2019, este ano o AR World Championship celébrase en España por segunda vez. O Bimbache Extrem, en Castela e León, acolleu o AR World Championship en España no 2010.