Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente comproba en San Acisclo o inicio dos traballos da Deputación na vía que une Foz e Alfoz

Foz
Alfoz
Rede provincial de estradas
san acisclo
José Tomé Roca supervisou co Alcalde focense as tarefas que se están executando para ampliar e acondicionar esta vía provincial entre os quilómetros 5,1 e 5,3, o último treito que quedaba para a renovación completa da estrada

A Deputación inviste 110.500€ nestas obras que mellorarán a seguridade viaria da veciñanza. Anchéase e renóvase o firme con aglomerado en quente, constrúense beirarrúas e instalaranse novos puntos de alumeado público

A circulación está cortada ata o 5 de novembro, aínda que se permitirá o tránsito de vehículos nesta fin de semana. O corte está sinalizado e habilitáronse desvíos para ocasionar o mínimo trastorno no tráfico

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou xunto ao Alcalde de Foz, Francisco Cajoto, o inicio das obras de mellora da estrada LU-P-0210, á altura da parroquia focense de San Acisclo. Unhas actuacións nas que a institución inviste 110.500€ e que ampliarán e acondicionarán esta vía provincial que dá servizo aos concellos de Foz e Alfoz. 

“Esta é unha obra moi importante onde se invisten 110.500€, destinando 98.500€ á execución dos traballos que se están realizando agora e, pola súa banda, máis de 12.000€ foron necesarios para a expropiación dos terreos que nos permitirán anchear a estrada”, indicou o mandatario provincial.  

José Tomé puxo de manifesto que “estas actuacións resolven un problema de seguridade nesta zona onde os coches pasaban pegados ás casas e a vía era máis estreita que no resto dos treitos”. Subliñou que con estas actuacións quedará totalmente renovada logo de que a Deputación rehabilitara o resto de treitos nos últimos anos.

As obras, indicou o Presidente, beneficiarán a numerosos veciños e veciñas ao tratarse dunha estrada que soporta moito tráfico, sendo o camiño máis corto da veciñanza desta parroquia de Foz e da do municipio de Alfoz para chegar á costa. Ademais, dá servizo aos serradoiros de madeira da zona,  empresas que reciben un elevado número de vehículos cada día.

Os traballos estanse realizando entre os puntos quilométricos 5,1 e 5,3. O proxecto inclúe os movementos de terra necesarios para obter a explanada sobre a que se estenderá o firme definitivo e poder asentar as beirarrúas tanto na marxe dereita como na marxe esquerda da estrada. Ademais, instalaranse sumidoiros e perfilaranse cunetas para garantir unha boa drenaxe das augas pluviais na zona. Unha vez rematados estes pasos será cando se estenda o aglomerado en quente, se pinte a vía con marcas reflexivas brancas e se coloque a correspondente sinalización vertical. As obras finalizarán coa dotación nesta zona de melloras no alumeado público ao instalar nas novas beirarrúas seis puntos de luz. 

Na visita ás obras tamén participaron os Deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, así como representantes da Corporación municipal e veciñanza da contorna. 

Corte de tráfico
A estrada provincial atópase cortada ao tráfico dende este mércores coa previsión de  que o corte se prolongue ata o venres 5 de novembro, aínda que se permitirá circular pola vía durante esta fin de semana. Para causar o menor prexuízo posible nos condutores, instalouse sinalización informativa e habilitáronse desvíos. 

Os vehículos pesados deberán utilizar as vías autonómicas LU-160 e LU-152, pasando pola rotonda de Ferreira do Valadouro; e os vehículos lixeiros poderán transitar pola estrada provincial LU-P-0202, que atravesa a parroquia alfocense de Bacoi.