Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación colabora coa XI Feira do Migrante Indiano, que se inaugurou este domingo

Vilalba
Liga Santaballesa
Feira do Migrante Indiano
A Deputada de Muller e Igualdade participou esta mañá nos actos organizados pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, á que a institución provincial achega de 4.000€ para a celebración deste evento

A Deputación de Lugo colabora coa Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa na celebración da XI Feira do Migrante Indiano. A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, participou na inauguración desta cita, que se celebra entre hoxe e mañá no local social do colectivo, para axudar á conservación do legado daqueles que tiveron que deixar a súa terra na procura dunha vida mellor.

Loureiro destacou a importancia de colaborar dende a institución provincial cunha achega de 4.000€ e sinalou que isto permite “dinamizar o turismo e a economía da comarca e da provincia de Lugo. Dende a Deputación de Lugo traballamos nun modelo de turismo de proximidade, sostible, non masificado, que pon o acento na experiencia de cada visitante e que aposta polo patrimonio, pola gastronomía, pola natureza e pola cultura”.

Esta iniciativa recupérase tras a cancelación en 2020 pola crise sanitaria e inclúe rutas de sendeirismo con actuacións teatralizadas e outras actividades como charlas, presentacións de publicacións ou exposicións etnográficas. Os asistentes tamén poden gozar de música tradicional, un xantar ou mostra de traballos domésticos para coñecer mellor a implicación dos antepasados. 

A Deputada tamén quixo destacar “o traballo realizado pola entidade para a recuperación dunha das moitas escolas habaneras que se crearon nesta época gracias ás aportacións dos emigrantes lucenses”.