Deputación de Lugo

O Presidente comproba en Ourol o resultado das obras en estradas nas que a Deputación investiu 350.000€

obras
rede viaria provincial
estradas provinciais
José Tomé estivo na localidade xunto ao Alcalde ourolés supervisando as actuacións feitas pola institución en cinco estradas de titularidade provincial que vertebran este municipio, nas que rehabilitou o firme con aglomerado en quente

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, comprobou xunto ao Alcalde de Ourol, José Luis Pajón Camba, o resultado das obras executadas nos últimos meses cun investimento da institución provincial de 350.000€. En concreto, actuouse cun proxecto de 255.000€ en catro vías: na LU-P-6602, na LU-P-3805, na LU-P-3808 e na LU-P-6406, e con outro proxecto para a LU-P-3807, destinando 95.500€. 

Tomé Roca estivo supervisando as melloras feitas na vía LU-P-6602, que conecta Rúa Nova a Muras por Sixto dende o punto 18,550 ata o 19,095. Rehabilitouse o firme con aglomerado en quente esta vía que dá servizo á veciñanza que ten gando na Serra do Xistral e tamén ás empresas que realizan o mantemento dos parques eólicos da zona. Pola súa banda, tamén se actuou na  LU-P-3805, que une os núcleos de Sixto con Campo do Foxo e que comunica as parroquias de Bravos, Ambosores e Sixto, en dous treitos: dende o quilómetro 0 ata o 1 e do 11,240 ao 14,917.

Outra das obras realizadas pola Deputación en Ourol foi a da estrada LU-P-3808, que une os núcleos de Foxo a Portapena, onde se arranxaron case 3 quilómetros, entre os puntos 0 e 2,67. Pola súa banda, mellorouse a vía LU-P-6406, que vai dende Cristo da Portapena ata Ponte Segade, quedando renovados os 200 primeiros metros da estrada. 

O mandatario provincial salienta tamén que en Ourol a institución executou melloras na  LU-P-3807, a vía máis rápida que teñen os veciños da parroquia de San Pantaleón para chegar a Ourol e Viveiro. Nela a Deputación investiu preto de 95.500€ nos traballos de mellora nun treito de máis de 7 quilómetros, acondicionando a vía e repoñendo as liñas e marcas viarias reflexivas brancas. 

Na visita tamén participaron os Deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, ademais dos enxeñeiros encargados da redacción e execución dos proxectos. 

“Seguimos demostrando que unha da prioridades deste Goberno é a mellora das comunicacións. Cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos. Ademais, en tempos de crise, a obra pública pode e debe actuar como un motor que incentive a actividade económica e que axude a manter ou crear emprego”, subliña o Presidente.

Máis de 6M€ na Mariña

A Deputación de Lugo inviste a longo deste ano 2021 nas estradas da Mariña máis de 6M€ a través de diferentes liñas de actuación. Dos 4.200 quilómetros da rede de estradas provinciais, a máis longa de toda España e tres veces maior que a da Xunta en Lugo, preto de 800 percorren a comarca mariñana.

Ao longo deste ano, a institución provincial ten en marcha unha vintena de proxectos finalizados ou en marcha para mellorar as vías da zona norte da provincia por un importe superior aos 1,61 M€. A esta cantidade súmanse as diferentes accións que, con cargo ao Plan Único 2021, melloran os camiños, os accesos a núcleos rurais e o acondicionamento e humanización de diferentes vías municipais cun custe total por riba dos 2,77M€. A maiores, o Plan Provincial de Conservación de Estradas destina á Mariña preto de 1M€, aos que hai que engadir outras colaboracións con entidades locais da comarca, como o convenio da Deputación co Concello de Foz para a urbanización da rúa Costa do Castro por importe de 466.880€, e que para esta anualidade ten consignados 233.440€. 

A Deputación de Lugo tamén acomete obras de mellora e acondicionamento de vías, tanto provinciais, como municipais, con medios propios, a través dos equipos e os traballadores cos que conta no Parque Móbil. Ao longo deste ano 2021, a institución levou a cabo na Mariña diversas actuacións co Parque Móbil, que están valoradas nun prezo de mercado de 500.000€.