Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O alumnado do máster interuniversitario de Psicoxerontoloxía interésase polo modelo de residencias da Deputación

Deputación de Lugo
Residencias
O Deputado de Promoción Económica e Social explicoulles este venres no Pazo de San Marcos o sistema de funcionamento da rede provincial de centros de atención a maiores, que se caracteriza por ser un servizo público, con atención de calidade, que favorece o benestar e o arraigo, e que crea emprego e actividade económica no rural

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón,  explicoulle este venres ao alumnado e ao equipo docente do máster interuniversitario de Psicoxerontoloxía o modelo de residencias da Deputación de Lugo. Rivera Capón recibiunos no Pazo de San Marcos e explicoulles a política asistencial que rexe no funcionamento da rede de centros asistenciais implantado pola institución provincial en colaboración cos concellos. 

O equipo director do máster de Psicoxerontoloxía -un máster organizado polas universidades de Barcelona, Salamanca, Santiago de Compostela e Valencia- pediulle á institución provincial que expuxera o seu modelo ao estudantado como exemplo de boas prácticas e de referencia do bo facer en materia asistencial. Este máster proporciona formación especializada a profesionais da psicoloxía para que poidan desenvolver un traballo cualificado, en avaliación, diagnóstico e intervención, nos diferentes contextos e dispositivos residenciais, ambulatorios, comunitarios ou domiciliarios de atención a persoas maiores.

Na actualidade, a Deputación de Lugo ten residencias nos concellos de Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, e proximamente abrirá a de Meira.

A institución ten implantado un modelo de xestión dos centros público, con atención de calidade e personalizada, que favorece o benestar, a calidade de vida e a tranquilidade dos maiores e das súas familias, e que, ademais, ten un retorno económico importante na zona na que se implantan, pois crea emprego sostible no rural e dinamiza a economía local, contribuíndo deste xeito a fixar poboación.  

O alumnado tamén recibiu explicacións técnicas da xefa de servizo da área de Benestar e respondeu ás súas preguntas sobre o funcionamento e organización das residencias.