Deputación de Lugo

O Presidente comparte co seu homólogo de León retos e oportunidades comúns a ambas provincias

José Tomé Roca recibiu ao mandatario provincial leonés, Eduardo Morán, un encontro para reforzar lazos de veciñanza no que abordaron a situación de infraestruturas viarias e ferroviarias “que mellorarán a comunicación e a competitividade” dos dous territorios, como é o caso da A-76 ou do Eixo Atlántico de Mercadorías

Os presidentes das deputacións de Lugo e León coinciden na necesidade de avanzar cara un sistema de financiamento que garanta a suficiencia e a autonomía das administracións locais, e na capacidade das institucións provinciais para participar na xestión dos fondos europeos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, ofreceu este venres ao seu homólogo de León, Eduardo Morán, unha recepción institucional para reforzar os lazos de veciñanza entre ambas provincias e compartir os retos e oportunidades que lles son comúns.

José Tomé subliñou que as deputacións de Lugo e León manteñen “unha relación de colaboración institucional fluída e cordial, marcada polo desexo de traballar en beneficio da cidadanía, e de estar á altura das boas relacións de veciñanza que Galicia e León mantiveron ao longo da historia”.

Unha mostra disto, asegurou o Presidente, é a colaboración para atender incidencias por neve e xeo que a Deputación lucense presta na parte leonesa de estradas dos Ancares, por exemplo ao seu paso polo concello de Candín, porque “non traballamos en función dos lindes xeográficos, senón buscando o benestar dos veciños e as veciñas”.

Infraestruturas

Durante o encontro, José Tomé e Eduardo Morán abordaron temas como a situación de  infraestructuras viarias e ferroviarias que xa están en marcha, “e que levan consigo unha mellora para a comunicación e, polo tanto, para a competitividade das nosas provincias”, sinalou o Presidente da Deputación de Lugo.

É o caso da A-76, que une Ponferrada con Monforte e Ourense. Neste momento, lembrou José Tomé, hai xa varios tramos co proxecto feito e outros en fase de redacción. Ademais, a conexión que vai servir para unir a futura autovía co Barco de Valdeorras xa conta con consignación nos Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro ano 2022.

En materia ferroviaria, explicou o Presidente, “Lugo e León compartimos un mesmo interese na mellora da vía Monforte-Ponferrada, parte do Eixo Atlántico de Mercadorías, que é a ruta transeuropea que discorre dende Venta de Baños por León, Ponferrada, Monforte, Ourense e Vigo”. Esta líña, engadiu, é a prolongación cara o interior do continente europeo das rutas marítimas que chegan ós portos galegos de interese xeral. “Trátase da ferramenta necesaria para garantir os fluxos de mercadorías que chegan ou parten do Noroeste de España a través do Atlántico”, sinalou José Tomé.

Neste sentido, o mandatario provincial incidiu en que, “tras o parón que os sucesivos gobernos do PP impuxeron ás infraestructuras ferroviarias da fachada noroeste, o actual Goberno do Estado volveu a situalas no mapa de prioridades”. Lembrou, deste xeito, que o Ministerio de Transportes xa licitou a elaboración do proxecto para acondicionar a vía Monforte-Ponferrada, “no sentido de mellorar os radios de curva e otras actuacións necesarias para que se poida integrar nese eixo transeuropeo que unirá Galicia e León co resto de Europa, e que contará, dende León, cun ramal de conexión con Xijón”.

Suficiencia financeira para as entidades locais

Por outra banda, os presidentes da Deputación de Lugo e de León compartiron a súa visión da Administración local e a súa situación agora que comeza a superarse a pandemia. “Como alcaldes e como presidentes de institucións provinciais, que están volcadas na cooperación cos concellos, compartimos a necesidade de avanzar cara un sistema de financiamento que garanta a suficiencia e a autonomía das administracións locais”, explicou José Tomé. 

Tamén coincidiron en recalcar “a capacidade das deputacións para participar na xestión dos fondos europeos porque as entidades locais e provinciais son a administración máis próxima á xente, os que mellor coñecemos as súas necesidades e os que podemos garantir que as axudas á reconstrucción se traduzan en proxectos de reforma que realmente os beneficien”.

O Presidente lembrou que León será a sede da próxima reunión da Comisión de Deputacións da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que se celebrará a principios do vindeiro ano, un encontro no que se mostrou convencido de que “seguiremos avanzando na defensa do municipalismo”.