Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación organiza un taller de cociña con produtos de Lugo no día adicado á provincia en Xantar

Deputación de Lugo
A institución provincial presenta os recursos enogastronómicos con este obradoiro no que se elaborou un prato con sabores lucenses, que puideron degustar as persoas asistentes á feira

A Deputada de Turismo deu a coñecer a calidade da gastronomía da provincia no 22º Salón Internacional, que se celebra dende o mércores en Ourense, e animou a visitar os recursos turísticos dos concellos lucenses

A Deputación de Lugo foi protagonista este sábado no 22º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2021, coa celebración do día da provincia. Nesta xornada, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou que “é un territorio cheo de sabores e esta cita permite dar a coñecer a oferta e as potencialidades dos nosos concellos”.

A Asociación de Cociñeiros de Lugo preparou unha demostración culinaria en directo dun menú feito con produtos propios da provincia, un Taco carbonara celta, aguacate e po de xamón, que permitiu aos asistentes “familiarizarse con algún dos nosos sabores nunha degustación con motivo deste día da provincia”, sinalou a Deputada. 

García Porto quixo recordar que "os 67 concellos da provincia están representados neste día da provincia, porque non podemos esquecernos de todos os sabores que atopamos, pero tampouco dos moitos recursos culturais e naturais que temos”.

Unha cita que, para a institución provincial, é “un gran escaparate para promocionar Lugo e os seus produtos, e tamén para establecer contacto con diferentes empresas de restauración, produtores, entidades públicas e privadas, e público en xeral, coa finalidade de atraer ao maior número de persoas á nosa provincia”, explicou García Porto.

A institución provincial estará en Xantar ata este domingo, dando a coñecer o valor patrimonial e enogastronómico da provincia de Lugo no seu expositor. Tamén, dende mañá ata o martes 9 de novembro, a Deputación estará presente no Fairway, unha cita adicada aos Camiños de Santiago. A presenza nestas citas enmárcanse na participación da Deputación en diferentes eventos nacionais para a promoción dos recursos turísticos da provincia como Fitur, a Feira Internacional de Enoturismo ou Turexpo.