Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación organiza coa UNED unha formación gratuíta sobre a xestión das Reservas da Biosfera

Reserva da Biosfera
Reserva Terras do Miño
UNED
O curso, que se enmarca dentro das actividades impulsadas pola institución provincial con motivo do 50 aniversario do programa MaB, pode seguirse nas modalidades presencial e online e outorga ao alumnado 0,5 créditos ECTS

A Reserva da Biosfera Terras do Miño e a Custodia do Territorio como ferramenta de conservación de territorios de alto valor ambiental comeza mañá mércores e ten aberto o prazo de inscrición a través da páxina web da Universidade a Distancia

A Deputación de Lugo organiza coa UNED unha formación gratuíta sobre a xestión das Reservas da Biosfera no marco das actividades impulsadas pola institución provincial con motivo do 50 aniversario do programa MaB. Con 10 horas lectivas, A Reserva da Biosfera Terras do Miño e a Custodia do Territorio como ferramenta de conservación de territorios de alto valor ambiental outorga ao alumnado 0,5 créditos ECTS.

O curso, que pode seguirse nas modalidades online e presencial, comeza mañá mércores, ten aínda aberto o prazo de inscrición a través da páxina web da Universidade a Distancia -na ligazón: https://extension.uned.es/actividad/25689- e ten como finalidade dar a coñecer a figura da Reserva da Biosfera e a custodia do territorio como ferramentas para a conservación da biodiversidade.

A actividade pertence ao ciclo da UNED de Lugo NaturalMente e está dirixido a estudantes e interesados en xeral. Para certificar será necesaria a asistencia ao 85% das horas lectivas.

Programación

Mércores, 10 de novembro

•    18:00 horas. Charla 50 Aniversario do Programa Persoa e Biosfera (MaB) da UNESCO e Rede Española de Reservas da Biosfera a cargo de Francisco José Cantos Mengs, xefe da área de Relacións Internacionais e Reservas da Biosfera e secretario do Comité Español do Programa MaB, Organismo Autónomo de Parques Nacionais.

•    19:00 horas. Conferencia A reserva da biosfera Terras do Miño: xestión e retos de futuro a cargo de Luis  Fernández Reija, xefe do Servizo de Medio Ambiente da Deputación de Lugo, e Andrea Macho Benito, técnico de xestión medioambiental da Deputación de Lugo.

Xoves, 11 de novembro

•    18:00 horas. Encontro, A Custodia do Territorio como ferramenta de conservación das Reservas da Biosfera, a cargo de Óscar Rivas López, da Asociación Galega de Custodia do Territorio e presidente Sociedade Galega de Ornitoloxía.

    19:00 horas. Obradoiro Exemplos prácticos de Custodia do Territorio nas Reservas da Biosfera lucenses a cargo de Martiño Cabana Otero, da Asociación Galega de Custodia do Territorio.

Luns, 15 de novembro

•    16:00 horas. Visita ás Insuas do Miño. Gravarase a visita para enviar ao estudantado.