Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación ordena a avaliación da estrada danada en Cervo tras un afundimento para proceder ao seu arranxo inmediato

Deputación de Lugo
Rede provincial de estradas
O tráfico da LU-P-1504, que conecta Río Cobo coas fábricas de Sargadelos no municipio cervense, quedará reaberto aos turismos esta tarde logo de derrubarse parte da calzada por mor das intensas choivas

Os técnicos realizarán unha valoración técnica e económica dos danos ocasionados co fin de arranxar esta estrada coa maior celeridade posible

A Deputación de Lugo ordenou unha avaliación técnica e económica dos danos ocasionados polo afundimento de parte da calzada ocorrido onte na LU-P-1504 debido ás intensas choivas dos últimos días co fin de arranxar coa maior celeridade posible esta estrada, que une Río Cobo coas fábricas de Sargadelos, no concello de Cervo.

Tras unha primeira avaliación sobre o terreo, operarios do servizo de Xestión Territorial da Deputación decidiron reabrir esta estrada ao tráfico de turismos desde esta tarde. A vía quedaba cortada onte ao tráfico logo de producirse un desprendemento de terra e o afundimento de parte da calzada debido ás intensas e continuadas choivas producidas entre onte e hoxe polo paso da borrasca Barra.

A institución provincial iniciou tamén as xestións pertinentes para poder actuar nos terreos que sexan necesarios para acometer as obras de rehabilitación desta estrada, pola que ademais discorre unha canalización.