Deputación de Lugo

O piloto de motos Eduardo Iglesias promocionará a provincia de Lugo no Rally Dakar grazas ao patrocinio da Deputación

Rally Dakar
Eduardo Iglesias
O Presidente deu a coñecer este martes na Praza de San Marcos xunto ao monfortino o apoio que a institución provincial fai nesta proxección do territorio lucense ao incrementar a achega ata os 15.000€

“Facemos esta colaboración porque apostamos polo talento e o esforzo dos deportistas da provincia, e tamén porque eventos de alcance internacional como é o Rally Dakar supoñen un elemento de promoción do noso patrimonio moi importante”, manifestou José Tomé Roca

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, recibiu este xoves na Praza de San Marcos ao piloto de motos Eduardo Iglesias, que participará no Rally Dakar 2022. A institución provincial colabora por terceiro ano consecutivo co deportista monfortino, neste caso cunha achega de case 15.000€, que se incrementou con respecto a pasada edición para promocionar a provincia no rally máis grande do mundo. Concretamente, o monfortino Eduardo Iglesias portará o escudo da Deputación na moto, na súa vestimenta, na furgoneta e nunha carpa que utilizará nesta competición que se desenvolverá dende o 1 ao 14 de xaneiro en Arabia Saudita.

Na presentación desta nova colaboración da Deputación co piloto, Tomé Roca lembrou que Eduardo Iglesias participou por primeira vez no Dakar no ano 2020 conseguindo o posto 94, e que este ano 2021 escalou ata o posto 53, sendo o único piloto galego capaz de rematar esta proba de gran esixencia. “Na edición do ano 2022 ten por diante 13 etapas e máis de 8.000 quilómetros de percorrido. Sen dúbida, un reto moi importante, ante o que lle desexamos moito ánimo e sorte para superalo e seguir mellorando os seus resultados”, manifestou o Presidente.
 
“Dende o primeiro ano, na Deputación de Lugo decidimos apoiar a participación de Eduardo Iglesias no Dakar, e fomos subindo edición tras edición a aportación económica, que nesta ocasión chegará practicamente aos 15.000€”, subliñou. “Facémolo porque queremos apoiar o talento e o esforzo dos deportistas da nosa provincia, dende o deporte de base ao deporte profesional, e facémolo tamén porque eventos de alcance internacional como é o Rally Dakar supoñen un elemento de promoción do patrimonio da provincia de Lugo moi importante”, explicou o mandatario provincial.

José Tomé lembrou que o Rally Dakar emítese por televisión en preto de 200 países, co que chega a 5 millóns de espectadores en directo en cada etapa e alcanza 54 millóns de visitas en Internet. “Dende logo, para a provincia de Lugo é unha oportunidade excepcional que temos que aproveitar. Que a nosa imaxe estea no foco dos competidores, dos equipos, dos medios de comunicación e dos afeccionados de todas as partes do mundo é un reclamo turístico de primeiro nivel”, recalcou o Presidente.
  
Para a Deputación, dixo, “é unha satisfacción colaborar de novo contigo e co teu equipo. Para nós, é un orgullo que sexas, por terceiro ano consecutivo, o embaixador da provincia de Lugo no Rally Dakar”. José Tomé desexoulle a Eduardo Iglesias as mellores das sortes nesta nova aventura, facéndolle chegar que “cando compites tes contigo o noso apoio e o alento de todos os veciños e veciñas desta provincia, que seguimos con interese e con ilusión os teus pasos no rally máis grande do mundo”.