Deputación de Lugo
Formación

Máis de 900 persoas formáronse neste 2021 cos cursos da Deputación dirixidos a persoal da administración local

Formación
administración local
O Presidente entregou este xoves no Pazo de San Marcos os diplomas acreditativos de participación nas accións de formación continua impulsadas pola institución co fin de mellorar o funcionamento das administracións e a atención á cidadanía

Foron 21 accións centradas nas áreas xurídico-procedimental, novas tecnoloxías, transparencia e boa gobernanza, igualdade, prevención e responsabilidade social relacionada co medio ambiente, entre outras

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, entregaron este xoves, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, os diplomas acreditativos da participación na formación continua impulsada pola Deputación para traballadores e traballadoras da administración local da provincia, tanto da propia institución provincial, como dos concellos. Foron máis de 900 persoas as que se beneficiaron desta formación gratuíta, que a Deputación impulsa co fin de mellorar o funcionamento das administracións e a atención á cidadanía.

José Tomé subliñou que este plan, “máis alá das áreas concretas nas que se organiza”, ten un “obxectivo moi claro, que é avanzar cara unha administración local máis moderna, áxil e eficiente. Unha administración que se sitúe na vangarda dos coñecementos e das ferramentas de traballo dispoñibles en cada momento para prestar cada vez un mellor servizo público á cidadanía”, algo moi importante porque, “nunha provincia eminentemente rural como a nosa, os concellos e tamén a Deputación convértense nun dos primeiros puntos de consulta ós que acoden os veciños e veciñas para recabar calquera tipo de información”. 

A proposta do Plan Agrupado de Formación Continua 2021 incluíu 21 accións diferentes, centradas nas áreas de administración electrónica, xurídico-procedimental, novas tecnoloxías, transparencia e boa gobernanza, igualdade, prevención e responsabilidade social relacionada co medio ambiente, entre outras. Participaron un total de 35 formadores e formadoras neste programa, aberto á persoal da Deputación e dos concellos da provincia.