Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación adxudica por 300.000€ a mellora dun novo treito da estrada provincial que une Pedrafita e Seoane

Cervantes
Xunta de Goberno
Seoane do Courel
A Xunta de Goberno aprobou este venres a adxudicación das obras de ensanche e mellora da vía LU-P-1301, dende o quilómetro 8,6 ao 10,7. O firme pasará dos 4 metros actuais aos 5,5 metros de ancho

A institución ten en marcha as obras nun primeiro tramo desta estrada e a principios do 2022 licitará o terceiro e último, polo que o vindeiro ano estará renovada e ampliada a totalidade desta estrada, tal e como se comprometeu o Presidente

Coas tres fases para arranxar a vía, a Deputación levará investido preto de 1M€, o que beneficiará aos veciños e veciñas da comarca e contribuirá a avanzar cara o equilibrio territorial

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación por 300.000€ das obras de ensanche e mellora dun novo treito da estrada provincial LU-P-1301, que une Pedrafita do Cebreiro con Seoane do Courel. Así o informou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto.

As actuacións contemplan a ampliación da estrada dende o punto quilométrico 8,6 ao 10,7 pasando dos actuais 4 metros ata os 5,5 metros de ancho. Tamén se farán tarefas de drenaxe, afirmado, pavimentación e sinalización horizontal e vertical. Ademais, vanse colocar balizas de neve, paneis direccionais, fitos quilométricos, carteis e novos tramos de barreira metálica de seguridade. 

Tendo en conta que as actuacións se fan na súa totalidade nunha zona que pertence á Rede Natura 2000 dos Ancares, búscase realizar unha actuación cun impacto medioambiental mínimo.

A institución ten a día de hoxe en marcha traballos nun primeiro tramo desta vía cun investimento de 245.000€, hoxe aprobou a adxudicación do segundo, e a principios do 2022 licitará o terceiro e último, co cal, cumprindo co compromiso do Presidente, José Tomé Roca, o vindeiro ano estará renovada e ampliada a totalidade desta estrada.

Cando finalicen as tres fases das obras desta estrada, a Deputación levará investido preto dun millón de euros nesta vía provincial, o que beneficiará aos veciños e veciñas destes concellos e de toda comarca.

Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén sacou adiante a aprobación dun convenio de colaboración co Real Aeroclub de Lugo a través do que a institución provincial achegará 30.000€ para as obras de substitución do equipo de depuración da auga da piscina do club, que se atopa en Mondriz, no concello de Castro de Rei. 

En materia de contratos, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do correspondente á subministración de material de oficina para a Deputación de Lugo por 12.000€. A duración do contrato é ata o 20 de febreiro de 2022.