Deputación de Lugo

A Deputación adxudica por preto de 176.000€ a mellora da estrada que une O Torno con Gorgonzo, no Saviñao

O Saviñao
estradas
Rede provincial de estradas
granxa gayoso castro
granxa experimental de leite
A institución “continúa mellorando a rede de estradas e, polo tanto, a mobilidade dos veciños e veciñas da provincia” cuns traballos que consistirán na rehabilitación do firme dos 4 primeiros quilómetros da LU-P-5811, que vertebra as comunicacións coa parte norte do concello do Saviñao, explicou a voceira socialista do Goberno

A Xunta de Goberno deste xoves tamén aprobou a adxudicación da subministración do material de cama para o gando da Granxa Gayoso Castro e un procedemento de concorrencia pública para a venda do leite cru producido nas instalacións provinciais

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este xoves a adxudicación por preto de 176.000€ das obras de rehabilitación do firme da LU-P-5811 que une O Torno con Gorgonzo, no Saviñao. Así o informou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, que destacou que se trata dunha “actuación importante máis aló do seu custe económico porque a LU-P-5811 é a vía que vertebra as comunicacións coa parte norte do concello do Saviñao”.

Os traballos inclúen a mellora do firme dos preto de 4 primeiros quilómetros desta vía, e consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación e sinalización. A empresa adxudicataria resultou Fevisa Vías e Obras SL e o prazo para a execución é de 9 meses.

García Porto sinalou que esta é “unha obra moi importante para seguir mellorando a rede de estradas da Deputación de Lugo e, polo tanto, a mobilidade dos veciños e veciñas da provincia”.

Granxa Gayoso Castro

A Xunta de Goberno tamén aprobou dous contratos importantes para o funcionamento da Granxa Gayoso Castro que a Deputación de Lugo ten en Castro Ribeiras de Lea. Trátase, por un lado, da adxudicación da subministración do material de cama para o gando da granxa á empresa Galical Cales e Carbonos Agrícolas SL, cun prezo que será unitario de 53,7€ por tonelada, e un tope orzamentario de 21.450€. O contrato será por un ano, prorrogable por anualidades ata un máximo de tres.

Por outra banda, a voceira socialista deu conta tamén da aprobación dun procedemento de concorrencia pública para a adxudicación, mediante concurso, da recollida e venda do leite cru producido en Gayoso Castro de acordo coa normativa do paquete lácteo”, explicou García Porto, quen engadiu que o contrato inclúe a recollida de algo máis de 350.000 litros ao ano. “O pago realizarase mensualmente e o contrato terá unha duración dun ano, prorrogable por outro máis ata un máximo de 5”, sinalou a Deputada provincial, que apuntou que para a adxudicación teranse en conta diferentes cuestións como o prezo ou o compromiso do adxudicatario, que deberá facer unha doazón do 5% (ou máis) da cantidade de leite producido aos Bancos de Alimentos ou a favor de Comedores Sociais da provincia de Lugo para a súa distribución entre as persoas e familias que o necesiten.