Deputación de Lugo

O Presidente anuncia a licitación das obras para a creación do Parque Central de Galicia por 1,4M€ coa previsión de telo rematado no ano 2022

Deputación de Lugo
parque central de Galicia
Coñece a túa Provincia
O proxecto que a Xunta de Goberno aprobou hoxe sacar a contratación inclúe un pórtico de entrada visible dende a LU-P-0301, unha praza e un monolito situado xusto no centro xeográfico de Galicia, un templete, un edificio multiusos, un parque infantil e dúas fontes, ademais da iluminación, sinalización e mobiliario urbano

Con estas actuacións, que teñen un prazo de execución de 6 meses, cumprirase o compromiso do Presidente de ter finalizado no vindeiro ano 2022 este gran espazo público de lecer e natureza de 45.000 metros cadrados que impulsa a Deputación para poñer en valor o centro xeográfico galego, situado en Nugallás, en Antas de Ulla

A institución, que presentou o pasado abril a toda a sociedade lucense este proxecto nun acto público en Antas, comezou nese mesmo mes os traballos para acondicionar os terreos e en agosto iniciou as obras para a creación dunha zona de estacionamento e a mellora viaria do acceso ao Parque, que seguen hoxe en execución

A Deputación lanza a segunda tempada do programa de viaxes gratuítas para entidades sen ánimo de lucro Coñece a túa Provincia tras a gran acollida da primeira edición. No 2022 ofrecerá 3.036 prazas entre a primavera e o outono

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que a Xunta de Goberno aprobou este xoves a licitación das obras para a creación do Parque Central de Galicia por case 1,4M€. O proxecto que sae a contratación inclúe un pórtico de entrada visible dende a LU-P-0301, unha praza e un monolito situado xusto no centro xeográfico de Galicia, un templete, un edificio multiusos, un parque infantil e dúas fontes, ademais da iluminación, sinalización e mobiliario urbano.

Con estas actuacións, que teñen un prazo de execución de 6 meses, cumprirase o compromiso do Presidente de ter finalizado no vindeiro ano 2022 este gran espazo público de lecer e natureza de 45.000 metros cadrados que impulsa a Deputación para poñer en valor o centro xeográfico galego, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla, segundo determinou oficialmente o Instituto Xeográfico Nacional.

José Tomé Roca lembrou que, tras adquirir as parcelas necesarias, “no mes de abril presentamos o proxecto do Parque Central de Galicia a toda a sociedade da provincia nun acto público que celebramos en Antas de Ulla, e só uns días despois comezamos xa cos traballos de acondicionamento dos terreos”. Ademais, no mes de agosto arrancaron as obras para a creación dunha zona de estacionamento e a mellora viaria do acceso ao Parque, que teñen un orzamento de 250.000€ e que continúan a día de hoxe.

“Hoxe damos un paso máis, moi importante”, subliñou o Presidente, coa licitación dun proxecto que inclúe diversas actuacións. O Parque Central de Galicia contará cun pórtico de entrada visible dende a estrada provincial LU-0301. No lugar no que se sitúa o centro xeográfico construirase unha praza na que se levantará un monolito colocado xusto nas coordenadas que indican a posición exacta do punto medio da superficie da comunidade autónoma galega segundo o Instituto Xeográfico Nacional. Ao lado dereito do monolito, construirase un templete, unha estrutura aberta polos laterais que servirá para resgardarse e para acoller actividades ao aire libre. Ao lado esquerdo do monolito, levantarase un edificio multiusos con varias dependencias que se poderán utilizar para o desenvolvemento de accións formativas, actividades culturais ou medioambientais e reunións, entre outras

Pensando en crear un espazo de ocio para as familias, escolares e a organización de actividades, construirase un parque infantil que incluirá diferentes zonas de xogo adaptadas a todas as idades. 

Tamén está contemplada a instalación de dúas fontes que contarán con auga apta para o consumo humano, a iluminación do conxunto do Parque Central, a sinalización e a colocación dunha serie de mobiliario, como papeleiras de madeira e bancos para poñer a disposición dos veciños e dos visitantes.
O prazo de presentación das ofertas por parte das empresas rematará na primeira quincena de xaneiro.
O Presidente subliñou que o proxecto do Parque Central de Galicia, “que se sitúa no mesmo plano que a Granxa Gayoso Castro ou que o Museo e a Finca de Tor”, é unha iniciativa “que fai provincia e que supoñerá un impulso moi importante para a promoción do noso territorio dentro e fóra de Galicia, e polo tanto para a economía e o emprego pola súa capacidade de atracción turística, o que representa tamén unha aposta polo reequilibrio territorial e por fixar poboación no rural”.

Residencia de Portomarín

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou este venres resolver de mutuo acordo o contrato de obra para a construción da residencia de Portomarín a petición da adxudicataria, Coto Estudio y Construcciones S.L. O Presidente lembrou que a primeira empresa adxudicataria deste contrato (Copcisa,SA) decidiu renunciar, momento no que a Deputación reactivou o proceso administrativo e o pasado mes de setembro resultou adxudicataria a firma que presentou a segunda mellor oferta, Coto Estudio y Construcciones SL, a mesma que agora tamén decide renunciar ó contrato. 

Neste caso, a adxudicataria alegou a necesidade dunha revisión dos prezos, algo que, segundo certifican os técnicos, non é posible segundo a Lei de Contratos do Sector Público.

Estas circunstancias, “que son totalmente alleas á Deputación, alteran os prazos, pero dende logo non alteran a nosa vontade de construír un centro público de atención a maiores en Portomarín”, subliñou José Tomé. “Como dixen dende a miña toma de posesión e como estamos demostrando en todo o que vai de mandato, respectaremos todos os compromisos adquiridos pola Deputación cos concellos en materia de residencias. Polo tanto, daremos os pasos necesarios para dotar a Portomarín dun centro público de atención a maiores”, recalcou o Presidente.

Coñece a túa provincia

O Goberno provincial aprobou na súa reunión de hoxe lanzar a segunda tempada do programa de viaxes gratuítas para entidades sen ánimo de lucro Coñece a túa provincia tras a gran acollida da primeira edición.

A Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da convocatoria do programa para o ano 2022, durante o que a Deputación ofrecerá un máximo de 3.036 prazas repartidas en dous períodos: a  primavera (de marzo a xuño), con 1.794 prazas, e outono (de setembro a decembro), con 1.242 prazas. 

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte da publicación das bases reguladoras da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP), aínda que a Deputación informará do día concreto a través dos seus canais habituais.

Cada entidade interesada poderá presentar unha única solicitude, que poden enviar vía telemática a través da sede electrónica da Deputación; entregala no Rexistro da Deputación previa cita telefónica; en calquera dos rexistros que menciona a Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas; ou tamén nas oficinas de Correos.

As condicións das viaxes e os itinerarios dispoñibles son os mesmos que a primeira tempada do programa, aínda que as persoas interesadas teñen toda a información na páxina web da Deputación de Lugo (www.deputacionlugo.gal)

O Presidente lembrou que o Coñece a túa Provincia “é unha das medidas que lanzamos dende a Deputación de Lugo no marco do Plan de Impulso da Economía da Provincia, e está destinada a incentivar o turismo de proximidade e favorecer a recuperación sostible deste sector, da hostalería e do comercio local fronte ao impacto da pandemia”.

Granxa Gayoso Castro

A Xunta de Goberno deu luz verde hoxe a dous contratos de subministracións para a Granxa Gayoso Castro.

Por un lado, aprobou licitar o subministro de diversos produtos de uso agrícola e gandeiro para a Granxa por un importe superior ós 256.000€ e por un ano de vixencia, prorrogable por tres máis. Este contrato, que está dividido en dous lotes, inclúe o subministro de produtos como fertilizantes e abonos, sementes, produtos fitosanitarios, conservantes e aditivos para a conservación de forraxes, concentrados e pensos, e correctores vitamínicos e minerais, así como outros produtos destinados á alimentación do gando da Granxa.

Por outro lado, a Xunta de Goberno acordou adxudicar o subministro de alfalfa para o gando equino de Gayoso Castro por importe de 6.325€ á empresa Almacenes Avelino SL. Este contrato ten unha duración dun ano prorrogable por anualidades, ata un máximo de tres.

Ampliación de prazos de convenios

Na última Xunta de Goberno do ano aprobáronse addendas aos convenios de colaboración da Deputación de Lugo con tres entidades, cun investimento total de case 300.000€, para ampliar os prazos de execución e de xustificación.

Trátase dos convenios da institución provincial co Concello de Sarria para o proxecto construtivo dunha pasarela metálica provisional para a Ponte Ribeira, a elaboración dun estudo hidrolóxico da capacidade de desaugue desta ponte e o acondicionamento do seu entorno; coa Diócese de Mondoñedo-Ferrol para a conservación, mellora e posta en valor de diverso patrimonio histórico-artístico; e coa Fundación Xosé Soto de Fión para a recreación dunha unidade de vivenda castrexa no Pazo Ecomuseo de Arxeriz.