Deputación de Lugo
Formación

O Presidente entrega diplomas ao persoal da administración local que participou nos cursos de formación da Deputación

Deputación de Lugo
Formación
A institución impartiu 21 accións gratuítas que estiveron centradas nas áreas xurídico-procedimental, novas tecnoloxías, transparencia e boa gobernanza, entre outras, co obxectivo de seguir avanzando cara unhas entidades locais “máis modernas, áxiles e eficientes” e “prestar cada vez un mellor servizo público á cidadanía”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e á Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, entregou este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a uns 70 traballadores e traballadoras da administración local da provincia os diplomas acreditativos da súa participación no Plan Agrupado de Formación Continua que ofreceu de maneira gratuíta a institución provincial durante o ano 2022.

José Tomé subliñou que este plan ten un obxectivo moi claro, “que é avanzar cara unha administración local máis moderna, áxil e eficiente. Unha Administración que se sitúe na vangarda dos coñecementos e das ferramentas de traballo dispoñibles en cada momento para prestar cada vez un mellor servizo público á cidadanía”. 

A proposta do Plan Agrupado de Formación Continua 2021 incluíu 21 accións diferentes, centradas nas áreas de administración electrónica, xurídico-procedimental, novas tecnoloxías, transparencia e boa gobernanza, igualdade, prevención e responsabilidade social relacionada co medio ambiente, entre outras. Participaron un total de 35 formadores e formadoras neste programa, aberto a persoal da Deputación e dos concellos da provincia.