A Deputación aproba o Plan Estratéxico de Subvencións para o ano 2022, dotado con 7,2M€
Adxudicado por máis de 230.000€ as obras de mellora dun novo tramo da LU-P-3202, que vai de Monforte a Currelos, no concello do Saviñao
A Xunta de Goberno aprobou este venres a actualización do Plan Estratéxico de Subvencións (PES) da Deputación de Lugo para este ano 2022, que conta cunha dotación económica de 7,2M€, e que tal e como informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, poderá incrementarse en función do crédito dispoñible.
García Porto explicou que o Plan Estratéxico de Subvencións, que é o instrumento que regula a concesión de axudas económicas da institución provincial ao conxunto do tecido asociativo da provincia, tanto de carácter nominativo como de concorrencia competitiva, “serve para manter o amplo e dinámico tecido asociativo co que contamos na provincia de Lugo e que dinamiza o territorio a nivel social e económico, e, ao mesmo tempo, serve para contribuír ó desenvolvemento de proxectos que impulsen o emprego e os sectores produtivos, o benestar social ou a promoción do territorio e do turismo, entre outros ámbitos”.
Neste sentido, a voceira socialista do Goberno indicou que liñas de actuación como o Emprego contan cunha dotación de preto de 900.000€; promoción do Territorio e Turismo, de case 500.000€; Benestar, de 577.000€; ou Medio Ambiente, de 356.100€. Pilar García Porto sinalou que terán prioridade aquelas iniciativas que promovan a participación cidadá, potencien o patrimonio da provincia, aposten pola innovación, estimulen a formación e, entre outras condicións, axuden a fixar poboación no rural.
Rede de estradas provinciais
A Xunta de Goberno tamén aprobou a adxudicación, por máis de 230.000€, das obras de mellora dun novo tramo da LU-P-3202, a estrada provincial que vai de Monforte a Currelos, no concello do Saviñao. Polo tanto, “trátase dun investimento que beneficia a estes dous concellos e ao conxunto da zona sur da provincia”. O proxecto adxudicado inclúe a rehabilitación do firme do treito que vai do quilómetro 3,7 ao 7,7, e tamén a renovación das sinais indicativas dos puntos quilométricos da estrada, dende o seu inicio ata o quilómetro 24,436.
Pilar García Porto lembrou que a Deputación ten en fase de licitación, por un importe de 250.000€, a mellora dos tres primeiros quilómetros desta vía e que neste mandato xa se acometeron obras de mellora noutro tramo -entre o 6,9 ao 10,4- cun investimento de 133.100€. “Entre as obras xa acometidas, as que están en licitación e as adxudicadas no día de hoxe, a Deputación leva destinado a esta estrada tan importante para a zona sur da provincia un total de máis de 600.000€”, subliñou a Deputada.
Coñece a túa Provincia
A Xunta de Goberno sacou tamén adiante a licitación, por 33.000€, do contrato para a adquisición de artigos que serán entregados como agasallo institucional ás máis de 3.000 persoas que participarán na segunda tempada do programa Coñece a túa Provincia.
Lembrou a voceira socialista que este programa de viaxes gratuítas pola provincia dirixido a entidades sen ánimo de lucro foi posto en marcha dende a Deputación de Lugo “para fomentar o coñecemento da nosa riqueza patrimonial entre os propios veciños e veciñas e, ao mesmo tempo, para incentivar o turismo de proximidade e apoiar aos sectores hostaleiro e comercial, dos máis prexudicados polas restricións da pandemia”.
Remanentes do Plan Único en Alfoz
Por último, a Xunta de Goberno deste venres aprobou a solicitude do Concello de Alfoz para aplicar remanentes do Plan Único 2021 a novas actuacións. En concreto, o Concello poderá destinar 21.315,22€ ao acondicionamento de camiños nas parroquias de San Pedro de Mor e Lagoa.