Deputación de Lugo
Economía
Turismo

A Deputación enxalza o queixo do Cebreiro “como símbolo de identidade e dinamización no rural”

A Deputación enxalza o queixo do Cebreiro “como símbolo de identidade e dinamización no rural”
Pilar García Porto destacou que “colaboramos con esta cita que é un escaparate dun produto único que representa o mellor do no rural: a calidade, o coidado polo detalle e o compromiso coa terra”, e engadiu que estas citas fortalecen o territorio, “xeran dinamismo económico, social e turístico, e contribúen a fixar poboación na Montaña”

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, asistiu este venres festivo á XXXVII edición da Feira do Queixo do Cebreiro, onde desde primeira hora da mañá o recinto feiral deste municipio da Montaña lucense congregou gran afluencia de público. 

Pilar García Porto destacou a colaboración da Deputación, que achegou 15.000€ ao Concello de Pedrafita do Cebreiro na organización deste evento, recoñecido como Festa de Interese Turístico de Galicia. Subliñou que esta cita “é un escaparate dun produto único que representa o mellor do rural: a calidade, o coidado polo detalle e o compromiso coa terra”.


García Porto puxo en valor o traballo realizado polos produtores locais, a veciñanza e o Concello de Pedrafita, que fan desta feira un evento de referencia tanto para a dinamización económica como para o fortalecemento do territorio. Apuntou que este tipo de iniciativas “xeran dinamismo económico, social e turístico e contribúen a fixar poboación na montaña”. 


“Estamos nun lugar privilexiado, nun espazo de montaña cunha paisaxe fermosa e xente traballadora. Tamén somos un punto clave no Camiño de Santiago, polo que milleiros de peregrinos pasan cada ano. Moitos deles levan consigo este sabor, esta experiencia e este recordo tan noso”, comentou.


Unha tradición que naceu en 1988


A Feira do Queixo do Cebreiro naceu no ano 1988 co obxectivo de poñer en valor un dos produtos máis singulares da gastronomía galega: o queixo do Cebreiro, elaborado artesanalmente con leite de vaca. En 2008 obtivo a Denominación de Orixe Protexida (D.O.P.), e en 2014 foi recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia.


Dende entón, a feira consolidouse como un evento de referencia no calendario festivo e cultural de Galicia, combinando a venda directa de queixos e produtos locais con actividades culturais, musicais e festivas, nun ambiente de celebración e promoción do rural.
A programación desta edición contou cun pasarrúas da Charanga Louband, seguido dunha actuación de baile tradicional a cargo da Asociación Cultural Abrente das Nogais. Un dos momentos máis emotivos foi a lectura do pregón, a cargo do alumnado do CPI Uxío Novoneyra, unha participación que xa se converteu nunha tradición e que achega frescura, identidade e orgullo local ao evento.