Deputación de Lugo

Pilar García Porto participa na presentación do libro sobre os 125 anos de historia da Banda de Música de Antas, financiado pola Deputación

Antas de Ulla
Banda de Música de Antas
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo salientou no acto, celebrado este sábado na Praza Nova do concello, que o libro reflicte “a historia da Banda, pero tamén a historia do concello e da comarca, e o desexo dos veciños e veciñas de impulsar a cultura e de defender as tradicións”

A Deputación destinou un total de 36.000€ para os distintos actos conmemorativos polo aniversario da formación musical, a organización dunha mostra e dous vídeos

Baixo o título Unha historia que contar, a gala contou tamén cun concerto gratuíto nun espazo aclimatado no que participaron o actor Fran Lareu e a actriz Paula Cereixo para interpretar o que deron de si estes anos na formación ulloá

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este domingo o libro Coa música a outra parte.125 Aniversario da Banda de Música de Antas de Ulla dos autores Eduardo Salgado Coego e José Manuel Salgado Mosquera nunha gala que organizou a formación musical na Praza Nova do Concello. A publicación, que foi financiada integramente pola institución provincial, percorre a historia da agrupación musical dende os seus comezos.

“Hoxe estamos a presentar unha publicación que percorre os 125 anos de historia da Banda de Música de Antas de Ulla. Un libro que fala, como non, de música, de historia, e dun soño veciñal colectivo”, explicou García Porto. A Deputada relatou que “como nena de Antas, eu medrei escoitando á banda. Asociando a banda con festa, ledicia, xuntanza. E como veciña, pronto tomei conciencia da importancia do seu labor cultural, o que me animou a colaborar con ela. Unha colaboración que estou orgullosa de impulsar dende a miña responsabilidade de xestión pública con iniciativas como a publicación deste libro”.

“Nestas páxinas vexo reflectida a historia da Banda, pero tamén a historia do concello de Antas e da comarca da Ulloa; o desexo dos veciños e veciñas de impulsar a cultura e de defender as tradicións; a pegada dos episodios máis tristes do século XX, pero tamén o desexo de superalos xuntos, de abrir novas páxinas, de gañar o futuro”, explicou a Deputada.

Pilar García Porto salientou que o futuro da formación musical está garantido “pola media de idade dos actuais membros da Banda” e sinalou que “as redes sociais son canles nas que poder difundir actuacións, música, ou iniciativas. Estou convencida de que a banda, que actúa sempre como embaixadora de Antas, da Ulloa e da provincia de Lugo, ten tamén neses soportes un escaparate de luxo para exhibir a súa calidade musical”. 

Nas súas 144 páxinas, o volume narra as orixes da formación a finais do século XIX, dá conta dos seus integrantes ao longo destes 125 anos, dos temas máis populares nas diferentes décadas e recolle as innumerables anécdotas da formación. A publicación tamén recupera as fotografías máis antigas da banda, partituras e documentos que relatan por si mesmos a pegada que esta formación musical tivo ao longo da súa historia non só no concello, na comarca e na provincia, senón en toda Galicia.

Cunha presentación do Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, na que pon en valor o labor da Banda de Antas como embaixadora da provincia, o libro conta tamén cun prólogo de Manuel Vilar Álvarez, Director do Museo do Pobo Galego.

A Banda de Música de Antas de Ulla fundouse en 1896 e mantivo de forma ininterrompida a súa actividade ata a Guerra Civil, cando se disolveu, retomándose o proxecto a principios dos anos 80. Trátase dunha das formacións máis antigas de Galicia  e é unha embaixadora de primeiro nivel para a promoción da provincia de Lugo, que  axuda a dinamizar o concello de Antas e pon en valor as tradicións e a cultura da provincia.

A Deputación de Lugo investiu un total de 15.423€ para a publicación deste libro, cunha tirada de 1.000 exemplares, a organización dunha exposición sobre o aniversario da banda e dous vídeos que documentan tamén ese percorrido da historia da formación e que foron realizados polo Servizo de Audiovisuais da institución provincial. Ademais, a institución provincial colabora con 18.000€ para a celebración dos distintos actos conmemorativos do seu aniversario, chegando o total das achegas a preto de 36.000€.

A Gala Unha historia que contar... tivo como protagonista un concerto da Banda de Música e ademais contou coa participación do actor Fran Lareu e a actriz Paula Cereixo, que interpretaron o que deron de si estes anos na formación ulloá. Sergio Alba, Silvia Ferre, a Escola de Baile GoldDance, a Asociación Fiadeira, Miguel Varela (Miki) e o coro de nenos e nenas EMAU completaron o cartel do evento para unha velada entretida e familiar.