Deputación de Lugo
Formación

A Deputación de Lugo creou bolsas de emprego de persoal funcionario de Secretaría e Intervención debido á falta destes profesionais nos concellos da provincia

Emprego
Cooperación cos Concellos
O Presidente entregou esta mañá os diplomas acreditativos da formación que fixeron as 9 persoas que superaron o concurso oposición convocado pola institución

Co proceso selectivo, “dende a Deputación damos solución a un problema que están tendo moitos concellos da provincia, sobre todo os de menor poboación, para contar con secretarios de entrada e secretarios interventores, e, ao mesmo tempo, abrimos novas oportunidades laborais”, explicou José Tomé

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e á Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, entregou este xoves na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional da administración local os diplomas acreditativos da súa participación nas accións formativas que realizaron tras superar o concurso oposición que convocou a institución provincial para crear unhas bolsas de emprego deste tipo de profesionais para facilitar a provisión destes postos nos concellos da provincia ante a dificultade que están tendo para poder facelo.

Un total de nove persoas superaron o proceso selectivo e completaron a formación, que foi gratuíta e en formato on line, co que xa poden acceder aos postos de Secretaría-Intervención, Secretaría categoría de entrada e Intervención-Tesourería categoría de entrada nas entidades locais da provincia.

José Tomé sinalou que esta bolsa de emprego creouse “ante os problemas que están tendo moitos concellos da nosa provincia, sobre todo os de menor poboación, para contar con secretarios de entrada e secretarios interventores”. “En aras da cooperación coas entidades locais, decidimos convocar un proceso de selección de persoal interino para facilitar a provisión deste tipo de postos, que son tan importantes para o bo funcionamento da Administración e, polo tanto, para prestar un bo servizo público ós veciños e veciñas”, explicou o Presidente.

“Desta forma, conseguimos dous obxectivos: damos solución a un problema que teñen os concellos e, ao mesmo tempo, abrimos oportunidades laborais para persoal funcionario de habilitación nacional na Administración Local”, recordou o mandatario provincial.