Cooperación concellos
Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación cumpre: 300.000€ para a plataforma de baño pública do concello de Lugo

concello de lugo
Emprego
A Xunta de Goberno aprobou un convenio de colaboración co Concello a través do que a institución provincial achega o 80% do total do investimento necesario para acometer esta dotación de lecer no parque do Miño

A Deputación solicita 500.000€ da liña de fondos europeos convocada pola entidade pública empresarial Red.es, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, para crear unha oficina de asesoramento gratuíto ás PEMES da provincia en materia de transformación dixital

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou un novo convenio de colaboración co Concello de Lugo a través da achega 303.319,94€, para a instalación dunha plataforma de baño pública no parque do Miño. A institución provincial aporta deste xeito o 80% do total do investimento necesario para acometer esta actuación.

A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou que “coa aprobación deste novo convenio, o Presidente da institución, José Tomé Roca, cumpre coa súa palabra de manter o mesmo compromiso económico para habilitar esta dotación de lecer tan importante para o concello de Lugo”. 

“Como xa explicamos, o convenio de colaboración que existía entre a Deputación e o Concello de Lugo para a finalidade do espazo fluvial de baño no Miño, formalizado no ano 2010, quedou sen vixencia. Na Xunta de Goberno deste venres acordouse así a resolución dese acordo e, ao mesmo tempo, aprobouse un novo convenio, co que se axiliza a tramitación administrativa.

García Porto insistiu que “isto dá boa conta do firme compromiso da Deputación por colaborar co Concello de Lugo, como o demostran tamén outras actuacións tan importantes para o futuro da cidade como son as obras de desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena, nas que dende a institución provincial estamos investindo 1,4M€”.

Aceleradora de PEMES

A Xunta de Goberno aprobou tamén concorrer a unha liña de axudas con fondos europeos convocada pola entidade pública empresarial Red.es, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, para a creación dunha rede de oficinas denominada Acelera PEMES no Eido Rural. “Dende a Deputación de Lugo solicitamos un proxecto valorado en medio millón de euros, dos cales, de ser concedido, o 80% sería financiado por Red.es e o 20% restante pola propia institución provincial”, explicou a Voceira provincial.

García Porto destacou que este orzamento “permitiríanos crear unha oficina provincial con sete traballadores e traballadoras para ofrecer, durante un prazo máximo de dous anos, asesoramento e soporte ás pequenas e medianas empresas da provincia en materia de transformación dixital”. Trátase dun proxecto de asesoramento totalmente gratuíto e personalizado, adaptándose ás características e necesidades de cada negocio dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.

Este proxecto presentado pola institución provincial contempla unha oficina de asesoramento con sede física nas dependencias da Deputación; unha sede virtual e, a maiores, tería presenza en todo o territorio a través dunha rede de cinco oficinas móbiles: na Mariña, na Chaira, na zona centro, na Montaña e na Zona Sur para ofrecer unha atención próxima e eficaz. 

“O obxectivo é axudar ao tecido empresarial a aproveitar os recursos que ofrece a dixitalización e as novas tecnoloxías para modernizar e para mellorar o seu negocio, de maneira que gañen en competividade, en produtividade, en eficiencia, e para que abran novas oportunidades de negocio”, valorou a Voceira socialista do goberno.

García Porto destacou que “concorrendo á convocatoria de axudas de Red.es para crear as oficinas ACELERA PEMES damos continuidade a un apoio que xa estamos desenvolvendo na actualidade a través do programa Reiníciate: Dixitaliza a túa empresa”. 

Granxa Gayoso Castro

A Xunta de Goberno sacou tamén adiante a licitación por un importe de 70.000€ do contrato de prestacións de servizos agrícolas e gandeiros na Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo, que inclúe traballos como o empacado de herba seca, aplicación de produtos fitosanitarios, cultivo do millo, aplicación de fitosanitarios (herbicida e insecticida), entre outras tarefas agrícolas. 

Así mesmo, aprobouse a licitación por case 11.000 euros do contrato para a prestación do soporte de mantemento do sistema software de xestión de recursos humanos.

Remanentes Plan Único

A Xunta de Goberno deu luz verde á solicitude dos concellos de Cospeito, Castro de Rei, e Pedrafita do Cebreiro para aplicar remanentes do Plan Único 2021 a novas actuacións. No caso de Cospeito destinaranse 30.000 euros á mellora de accesos ao barrio da Ponte, ao alumeado exterior de Édramo, en Xermar, e á dotación de alumeado público na contorna da Igrexa de Roás. En Castro de Rei investiranse 43.287,81€ á pavimentación e rexeneración de accesos en Triabá e Ludrio e, en Pedrafita do Cebreiro, cuns remanentes de case 2.000€ farase a reconstrución dun muro tradicional de pedra para a contención de terras no acceso ao núcleo de Acivo.