Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente da Deputación participa na XXV Feira do Butelo da Fonsagrada

turismo
Concello da Fonsagrada
Feira do Butelo
A institución provincial impulsa unha nova edición desta festa gastronómica, que chega á súa XXV edición, cunha axuda provincial de 6.000€ a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado do Alcalde, Carlos López, e de deputados e deputadas provinciais, participiou este sábado na inauguración da XXV Feira do Butelo que se está celebrando esta fin de semana na praza do Concello da Fonsagrada. A institución provincial colabora con esta cita gastronómica cunha achega de 6.000 euros a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos.

A Feira recuperou o formato presencial, logo de que o ano pasado se fixese unha versión dixital con motivo da pandemia, e congregou a miles de persoas neste concello da Montaña, onde se consumirán arredor de 8.000 quilos de produtos cárnicos, xunto con outros alimentos tradicionais. José Tomé subliñou que esta cita serve como “promoción e o estímulo dun produto local que é fundamental para dinamizar a comarca e o rural lucense” e eloxiou o traballo de gandeiros e gandeiras, as empresas cárnicas, as distribuidoras e a hostalería do municipio e da comarca da Montaña que fan posible a distribución e consumo deste produto.

Tras a celebración da primeira xornada, mañá domingo entregarase a distinción de Butelo de Ouro, que este ano recae en María del Carmen Asunción Gómez Álvarez e Miguel Ángel Martínez Martínez. Tamén haberá actuacións do grupo de música tradicional Illa Pancha e da Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros.