Axenda Institucional
Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo preside a Comisión de Cohesión Social na nova etapa do Eixo Atlántico

Eixo Atlántico
Trátase dun dos cinco eixo prioritarios establecidos polo órgano transfronteirizo dentro do programa de traballo para o ano 2022 que aprobou hoxe na Asemblea Xeral celebrada en Santiago

José Tomé deu os parabéns á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, pola súa elección como primeira presidenta do Eixo e desexoulle un bo traballo en beneficio do territorio, nomeadamente da provincia lucense

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este mércores na Asemblea Xeral do Eixo Atlántico celebrada en Santiago de Compostela no 30º aniversario da entidade, na que se abriu unha nova etapa na que o mandario provincial presidirá a Comisión de Cohesión Social. Trátase dun dos cinco eixo prioritarios establecidos polo órgano transfronteirizo dentro programa de traballo para o ano 2022 aprobado hoxe, xunto á sostenibilidade urbana, a innovación, o desenvolvemento económico e a internacionalización.

A área de Cohesión Social comprende accións como a presentación do mapa de cohesión social do Eixo, e a organización de eventos deportivos, como o gran premio de atletismo, os Xogos do Eixo, o SIE de deportes e torneos de hóckey e taekwondo, e de citas culturais, como a bienal de pintura, unha mostra de música, intercambios escolares ou a edición e distribución de banda deseñada sobre a historia da Eurorrexión e o Eixo Atlántico.

A Asemblea do Eixo elixiu como presidenta á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, á que o Presidente lle deu os parabéns e desexou que leve a cabo un bo traballo en beneficio do territorio, nomeadamente da provincia lucense.

Os representantes dos 39 municipios e diputacións que integran o Eixo Atlántico aprobaron tamén un presuposto de máis de 4 millóns e medio de euros para este ano.

A Asamblea, a primeira presencial tras a pandemia, celebrouse en Santiago de Compostela como recoñecemento ao Camiño de Santiago e ao sector turístico, un dos máis castigados pola pandemia e que vai xogar un papel importante na recuperación económica.

Na Asamblea aprobouse o informe de xestión política do presidente salinte e alcalde de Braga, Ricardo Rio, recoñecéndoselle o extraordinario traballo realizado nas condicións, probablemente, as máis difíciles nos 30 anos de vida do Eixo Atlántico, xa que lle tocou xestionar os dous anos de pandemia e a consecuente paralización das actividades.

A pesar diso, durante a súa presidencia desenvolvéronse accións altamente innovadoras a nivel europeo como a conferencia de alcaldes e expertos de alto nivel de Pontevedra. Nesta reunión aprobáronse modelos e estratexias para xestionar as consecuencias ocasionadas no económico e no social das cidades tras a pandemia.

Durante a presidencia de Ricardo Rio tamén se iniciou o proceso de internacionalización do Eixo Atlántico con 5 proxectos aprobados e financiados pola Comisión Europea en Asia, Canadá e América do Sur.

Para Ricardo Rio: “O tempo é algo que non flúe sen que nel debamos deixar a nosa marca, o noso traballo e o noso espíritu crítico e decidido, sendo esta a mellor herdanza e futuro que poderemos deixar ás próximas xeracións. O período no que, con extremo orgullo e determinación, liderei os destinos do Eixo Atlántico foi significativo e espero que as bases lanzadas nos proxectos ata aquí desenvoltas sexan unha plataforma prolífica para o destino do Eixo Atlántico con evidentes vantaxes para toda a eurorrexión e os seus ciudadáns. Xuntos continuaremos sendo máis fortes”.

A Asamblea recoñeceu especialmente o esforzo na coordinación e no intercambio de información realizado polo Eixo Atlántico durante o confinamento e as xestións co Goberno de Portugal e a Xunta de Galicia para minorar as limitacións dos gobernos sobre a mobilidade entre poblacións de ambos lados da fronteira. Especialmente, valorouse a creación das comisións políticas que garanten a participación activa de todos os alcaldes e alcaldesas na identificación das actuacións para saír da crise, así como una estratexia conxunta para a xestión dos Fondos Next Generation.

O programa para 2022 aprobado na Asamblea Xeral impulsa un conxunto de propostas en sintonía coa nova política da Unión Europea, e os seus instrumentos financieiros para o período de 2021-2027. O Plan de Mobilidade Urbana Sostible, o mapa de cohesión social, o Plan de Sostibilidade Urbana e o Plan de Descarbonización do Sistema Urbano do Eixo Atlántico, entroncan co Pacto Verde Europeo, o Nuevo Bauhaus ou as medidas enerxéticas que a Comisión Europea está desenvolvendo.

Entre istos, o Eixo Atlántico presta especial atención a plans enerxéticos que melloran a competitividade e favorecen o descenso dos prezos da enerxía, a calidade do aire e a prevención da contaminación atmosférica, causante dun elevado número de casos de cancro de pulmón. Igualmente, nos próximos meses presentarase o primeiro informe socioeconómico do Eixo que constitúe unha fotografía en alta definición da situación social e económica das cidades e do territorio tras a pandemia. 

No ámbito do desenvolvemento económico continuarase o diálogo cos gobernos para a mellora das conexións ferroviarias e a conexión vertical Lisboa- Coruña coa saída sur de Vigo e a nova liña ferroviaria Oporto-Vigo, complementaria da liña do Miño. Así mesmo, verificarase que o AVE galego cumpra todos os parámetros dun tren de Alta Velocidade de última xeración. Tamén se vixilará que a chegada do AVE non oculte outras necesidades pendentes dende fai moito tempo e que cada vez son máis urxentes.

A dixitalización e o turismo constitúen actuacións prioritarias no programa co desenvolvemento de conceptos promovidos polo Eixo Atlántico nos seus 30 anos: o turismo trasfronteirizo e o turismo de autor.
Finalmente, a cultura, a educación e o deporte, señas de identidade do Eixo Atlántico, contribuirán á reconstrucción do texido cultural e da cohesión social tras a pandemia. 

Toda esta experiencia constituirá o contido das estratexias de internacionalización que promove a posta en valor das experiencias máis innovadoras das cidades no plano internacional (con especial interés con cidades de Asia e América, tanto do Norte, como do Sur), así como o impulso a novos proxectos conxuntos cofinanciados pola Comisión Europea.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, agradeceu a confianza posta nela para presidir a nova etapa do Eixo Atlántico, “que será de especial transcendencia porque os concellos afrontamos enormes retos derivados da crise sanitaria, social e económica post pandemia, e se nos abre agora unha oportunidade única cos fondos europeos para camiñar cara unha transformación real dos nosos territorios para saír reforzados. As entidades locais debemos traballar unidas e situar a nosa influencia no ámbito que lle corresponde xa que fomos as que contivemos os efectos máis perniciosos da pandemia, e somos as que temos a capacidade de coñecer as necesidades e de axilizar a execución das respostas”.

Pola súa parte, o Secretario Xeral, Xoan Vázquez Mao, resaltou o feito de que tras unha crise económica que afectou de maneira singular a Portugal e España e unha pandemia, “o Eixo Atlántico continúa en primera liña con novas incorporacións de municipios, como máis cidades que solicitaron a súa adhesión; cun programa e un presuposto consolidado máis ambicioso, incluso por encima de anos anteriores á pandemia, ao que se une a súa posición de liderado en Asia e América”.