Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O ciclo Con Voz de Muller 8-M impulsado pola Deputación chega este sábado á Fonsagrada e Taboada cos concertos de Uxía e De Vacas

MULLER E IGUALDADE
María Loureiro García
8M
As sesións musicais, gratuítas, serán ás 19.00 horas na praza taboadesa Riazón e ás 20.00 horas no salón de actos fonsagradino dos Chaos e forman parte desta iniciativa da institución dentro do programa de actividades conmemorativas do Día da Muller 2022

De Vacas levará a Taboada un espectáculo reivindicativo con temáticas de corte social, harmonías cálidas e unha coidada posta en escena; e Uxía chegará a Fonsagrada cunha proposta que conecta a música tradicional coas culturas atlánticas

O programa provincial para este 8M pecharase o domingo coa actuación de Habelas Hainas, que levará o seu ritmo ata Barreiros

“Visibilizar e favorecer o empoderamento das mulleres a través da música” é un dos obxectivos da iniciativa que destacou a Deputada de Muller e Igualdade, que invitou á veciñanza a achegarse a estes concertos en familia

O ciclo de concertos Con Voz de Muller 8-M  que impulsa a Deputación de Lugo continúa este sábado coa actuación de De Vacas na praza Riazón de Taboada ás 19.00 horas e de Uxía no salón de actos fonsagradino dos Chaos ás 20.00 horas. Estas actuacións  forman parte desta nova iniciativa organizada por primeira vez este ano pola institución, que pretende achegar aos concellos da provincia música en feminino con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora cada 8 de marzo. 

Uxía, natural de Mos, é considerada unha das maiores embaixadoras da música galega. Nos seus máis de 30 anos de carreira artística renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás con morna, fado ou ritmos brasileiros. Dende a súa estrea con Foliada en 1986, o seu repertorio foi medrando ata ter publicados 12 discos polos que recibiu importantes recoñecementos, que a levaron a viaxar por todo o mundo chegando a países como o Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bisáu, cantando con artistas como João Afonso, Dulce Pontes, António Zambujo, Rui Veloso ou Tito Paris

De Vacas é unha formación galega composta polas voces de Faia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero. Presentan un espectáculo fresco, reivindicativo, con harmonías cálidas e guitarra, unidas ao son do matraquillo cando é preciso, luces e coidada posta en escena. Seguen amosando a súa querencia polas autoras galegas como Marta Sánchez, Rosalía de Castro ou Enrique Igrexas, e profundizan nas temáticas de corte social. As grandes referencias da adolescencia latexan ao fondo, consideran que son unha fonte inesgotable de creación que queren seguir explorando.

A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro García, anima á veciñanza a acudir a estes concertos que son gratuítos e que teñen o obxectivo de “sensibilizar, romper estereotipos e favorecer a visibilización e o empoderamento das mulleres a través da música de mulleres con voz propia que cantan e expresan os nosos dereitos a través da música, como o fan os catro grupos que eliximos para o cartel”. 

Recalca Loureiro que dende a Deputación “pensamos en actividades e horarios para un público familiar e xente nova”. “Cremos que pode ser interesante que os nosos pequenos e pequenas veñan, porque a música é expresión, liberdade e emoción, e a música serve para conmover e remover conciencias”, indica. 

O programa Con Voz de Muller 8-M  pecharase este domingo, 6 de marzo, ás 19.00 horas, no centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro de Barreiros co concerto do grupo Habelas Hailas.
 

Concertos Con Voz de Muller 8-M