Deputación de Lugo
Medio ambiente
Turismo

A provincia de Lugo saca músculo como destino sostible na Feira BioCultura na Coruña con expositor propio

Medio Ambiente
turismo
O Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, participou este venres no acto de inauguración deste evento centrado nos produtos ecolóxicos e no ecoturismo que se prolonga durante toda esta fin de semana

O Deputado de Medio Ambiente da Deputación de Lugo, José Luis Raposo, participou este venres no acto de inauguración da 3ª Feira BioCultura, a feira de produtos ecolóxicos e ecoturismo máis grande do país que se celebra durante esta fin de semana en ExpoCoruña. A Deputación de Lugo conta cun expositor propio neste evento que organiza o colectivo Vida Sana co obxectivo de exaltar as particularidades da provincia de Lugo como un destino estrela do turismo sostible e de calidade. 

A participación do organismo provincial enmárcase dentro da política de promoción e reforzo da presenza do territorio de Lugo en grandes citas que axuden a dar a coñecer as potencialidades turísticas da provincia. Nesta ocasión, a Deputación de Lugo ofrece información e recursos tanto dende a óptica turística, expoñendo as potencialidades dos xeodestinos, como de conservación e divulgación do medio ambiente, sendo xestora da Reserva da Biosfera Terras do Miño e da Reserva dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.  “A Deputación de Lugo ten un compromiso claro coa defensa do noso medio ambiente, unha defensa que busca –como aconsella o programa MaB- poñer en equilibrio o respecto á natureza e o desenvolvemento social e económico do territorio e das persoas”, indica o Deputado.

“Debemos converter os programas de conservación da natureza en fonte de progreso, de emprego no rural, de turismo sostible, de conservación de costumes tradicionais e de fixación de poboación no territorio. Así o pensamos dende a Deputación de Lugo e así o vamos a expoñer a todas as persoas que se acheguen ao noso stand nesta Feira BioCultura”, subliña Raposo.

A institución provincial vén a reafirmar neste espazo que a provincia de Lugo parte con vantaxe e con moitas oportunidades na nova realidade que está transformada pola pandemia, xa que o modelo turístico asentando  pasa por un turismo de valor engadido, sostible, de experiencias, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego vencellado ao medio rural dos 67 municipios lucenses. Nese sentido, a provincia de Lugo presume de ter máis dun 80% da súa superficie incluída en Reservas da Biosfera recoñecidas pola UNESCO, unha realidade que evidencia que o medio ambiente é un valor en si mesmo, un patrimonio herdado que forma parte da calidade de vida que atesoura o territorio da provincia de Lugo. 

150 actividades e 13.000 visitantes
A Feira BioCultura reúne a máis de 150 expositores dedicados aos sectores de alimentación bio con máis de 10.000 referencias,  cosmética ecolóxica, moda sostible, benestar, eco-estilo de vida, turismo responsable, artesanías e ONG's. Paralelamente á zona de exposicións celebraranse máis de 150 actividades e a organización agarda superar os 13.000 visitantes.