Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación de Lugo adxudica as obras do Parque Central de Galicia por 1,3M€

Antas de Ulla
O proxecto inclúe un pórtico de entrada visible dende a LU-P-0301, unha praza e un monolito situado xusto no centro xeográfico de Galicia, un templete, un edificio multiusos, un parque infantil e dúas fontes, ademais da iluminación, sinalización e mobiliario urbano

O comezo das obras dependerá da axilidade coa que o Concello de Antas de Ulla conceda á Deputación a licencia necesaria

Pilar García Porto lembra que estas actuacións completan a creación do Parque Central, “que impulsamos para poñer en valor o centro xeográfico de Galicia, un proxecto de provincia que supoñerá un impulso moi importante para a promoción do territorio e polo tanto para a economía e o emprego pola súa capacidade de atracción turística”

Licitado o contrato para a prestación de servizos básicos nos centros de atención a maiores de Castroverde e de Pedrafita por un importe conxunto de preto de 1,4M€

Aprobada a licitación por preto de 830.000€ do contrato para a conservación e mantemento da zona 5 da rede de estradas provinciais, que comprende os concellos da Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna

A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, informou de que a Xunta de Goberno deste venres aprobou a adxudicación por un importe de 1,3M€ das obras de construción do Parque Central de Galicia, o proxecto “que estamos impulsando a Deputación de Lugo para poñer en valor o centro xeográfico de Galicia, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla, segundo estableceu o Instituto Xeográfico Nacional”.

“As actuacións que aprobamos adxudicar inclúen a colocación dun pórtico de entrada visible dende a estrada provincial que dá acceso ó Parque, e o acondicionamento dunha praza e a colocación dun monolito xusto nas coordenadas que indican o centro xeográfico de Galicia”, subliñou a tamén Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo. Detallou que ao lado dereito do monolito, haberá un templete -unha estrutura aberta polos laterais que servirá para resgardarse e para acoller actividades ao aire libre-, e ao lado esquerdo do monolito, levantarase un edificio multiusos con varias dependencias que se poderán utilizar para accións formativas, actividades culturais ou medioambientais e reunións, entre outras. 

Pensando en crear un espazo de ocio para as familias, escolares e a organización de actividades, a Deputación dotará o Parque Central dun parque infantil que incluirá diferentes zonas de xogo adaptadas a todas as idades, e tamén haberá dúas fontes.  Así mesmo, o proxecto contempla a instalación do alumeado do conxunto do Parque Central, a sinalización e a colocación dunha serie de mobiliario, como papeleiras de madeira, e bancos e mesas de pedra para poñer a disposición dos veciños e dos visitantes.

Unha vez adxudicadas as obras, o inicio das mesmas dependerá agora da axilidade coa que o Concello de Antas de Ulla lle conceda á Deputación a licencia necesaria. Cando comecen os traballos, o prazo de execución será de 5 meses, un mes menos do inicialmente previsto porque a empresa adxudicataria se comprometeu a facelas neste tempo.

“Con estas actuacións quedará completada a creación do Parque Central de Galicia porque, despois de adquirir as parcelas e de presentar o proxecto a toda a sociedade da provincia nun acto público, a Deputación comezou en abril do ano pasado cos traballos de acondicionamento dos terreos e, nestes momentos, estamos ultimando as obras de creación dunha zona de estacionamento e de mellora viaria do acceso a este espazo”, indicou Pilar García Porto.

A Deputada subliñou que “o Parque Central de Galicia é un proxecto de provincia, un compromiso do Presidente, que se sitúa no mesmo plano que a Granxa Gayoso Castro ou que o Museo e a Finca de Tor, e que supoñerá un impulso moi importante para a promoción do noso territorio dentro e fóra de Galicia, e polo tanto para a economía e o emprego, pola súa capacidade de atracción e de dinamización turística, o que representa tamén unha aposta polo reequilibrio territorial e por fixar poboación no rural”.

Centros de Maiores 
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou hoxe a licitación do contrato para a prestación de servizos básicos nos centros de atención a maiores de Castroverde e de Pedrafita do Cebreiro por un importe conxunto de preto de 1,4M€. En ámbolos dous casos, o contrato terá unha duración dun ano, dende xuño deste ano 2022 a xuño de 2023, coa opción de tres prórrogas anuais.

A residencia de Castroverde leva funcionando dende finais do ano 2020 e a de Pedrafita do Cebreiro, dende mediados do 2021. A Deputación promove esta licitación porque este ano conclúe a vixencia do contrato que está en vigor.

A semana pasada, a institución aprobou a licitación deste mesmo contrato, que inclúe cociña, limpeza e asistencia, para as residencias de Pol e da Fonsagrada, por un importe de 1,4M€, e hai 15 días, para as de Trabada e Ribadeo, por un importe de 1,5M€.

Outro acordo adoptado nesta Xunta de Goberno sobre as residencias foi a adxudicación dos dous últimos lotes que faltaban do contrato para o equipamento do centro de atención a maiores de Navia de Suarna. En concreto, adxudicáronse os correspondentes á compra de equipos médicos e de cortinaxe, por un importe conxunto de 55.000€. Desta forma, queda completa a adxudicación do contrato para dotar de equipamento á residencia de Navia, cun investimento que ascende a 262.632€. 

A de Navia de Suarna é unha das dúas novas residencias que a Deputación ten previsto abrir neste ano, xunto á do concello de Ribas de Sil.

Plan Anual de Contratación
García Porto informou da aprobación na Xunta de Goberno deste venres do Plan Anual de Contratación da Deputación de Lugo para este 2022, que contempla 150 contratos por un importe total que supera os 16,5€. Trátase dun documento “que fai unha previsión estimativa dos procedementos de contratación de servizos, subministracións e obras que desenvolverá a institución provincial ao longo deste ano” e que “reflicte a capacidade de planificación, xestión e transparencia deste Goberno”, explicou a voceira socialista do Goberno.

Conservación de estradas
A Xunta de Goberno acordou a licitación do servizo de conservación e mantemento da zona 5 da rede de estradas provinciais por preto de 830.000€. A empresa que resulte adxudicataria deste contrato encargarase do mantemento das vías provinciais que discorren polos concellos da Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna durante dous anos. 

Así mesmo, aprobouse a  licitación dun contrato para o subministro dun carro mesturador autopropulsado para a Granxa Gayoso Castro por un importe de preto de 230.000€ e a adxudicación do servizo de ensilado de herba para o alimento dos animais da granxa por un máximo de 30.305€ para este ano, neste caso, coa posibilidade de dúas prórrogas de un ano cada unha.


Coñece a túa provincia
A Xunta de Goberno deste venres adxudicou o contrato para a subministración de regalos institucionais para os participantes no programa Coñece a túa provincia por algo máis de 17.600€.  

Este programa consiste en viaxes gratuítas pola xeografía lucense para entidades sen ánimo de lucro que impulsa a Deputación para fomentar o coñecemento da riqueza patrimonial da provincia entre a propia veciñanza e para apoiar a actividade dos sectores hostaleiro, turístico e comercial, dos máis prexudicados pola pandemia.

Este ano participarán máis de 3.000 persoas de 135 asociacións, entre os meses de marzo e xuño, e de setembro a novembro.

Plan Único en Ourol e Pantón
Aprobadas as solicitudes dos concellos de Ourol e de Pantón para dedicar remanentes do Plan Único 2021 a novas actuacións. No caso de Ourol, acondicionarase a pista no Buio, que vai das Lobeiras a Miñotos, cun orzamento de algo máis de 57.000€. A Deputación achega 28.000€ e o Concello a cantidade restante. No caso de Pantón, o Concello mellorará a estrada de Santiago de Castrillón con preto de 4.000€.