Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo apaga mañá o alumeado do Pazo de San Marcos en apoio á Hora do Planeta

Hora do Planeta
Imaxe deputación de lugo
A iluminación da fronte, das canellas e a do interior da sede da institución provincial apagarase entre as 20:30 e as 21:30 horas do sábado como símbolo do compromiso da entidade coa protección do medio ambiente

A sede da Deputación de Lugo permanecerá a escuras entre as 20:30 e as 21:30 horas de mañá sábado, día 26 de marzo, sumándose así a iniciativa da Hora do Planeta, unha campaña organizada a nivel mundial por WWF para promover a defensa da natureza e a loita contra o cambio climático. Durante unha hora apagarase a iluminación da fronte, das canellas e a do interior da sede da institución provincial.

O organismo provincial sumouse nos últimos anos a esta acción dentro do seu compromiso contra o cambio climático facendo fronte ao excesivo consumo de enerxía. Esta campaña, que cumpre o seu 15 aniversario, reúne cada ano a máis cidades e países co apagado de milleiros de edificios públicos e monumentos emblemáticos. 

Esta edición celébrase nun momento no que dende os gobernos e organizacións se reclama unha maior ambición e accións urxentes para deter e reverter a perda da natureza en 2030. Será nas vindeiras semanas cando os líderes mundiais se reúnan na COP15 do Convenio de Naciones Unidas sobre Diversidade Biolóxica para decidir sobre un novo plan de acción global para a natureza de cara a próxima década.