Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación continúa mellorando en Sober a vía que une Canabal con Arxemil cun novo investimento de 45.000€

Sober
Rede provincial de estradas
LU-P-5902
Esta semana a institución provincial comezou a realizar os labores de arranxo da estrada provincial LU-P-5902, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 4,4 e 6,7

Os traballos consisten na rehabilitación do firme comezando pola limpeza de cunetas, continuando coa drenaxe, para logo proceder á pavimentación co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios e usuarias

Estas obras dan continuidade ás executadas pola administración provincial recentemente nesta mesma vía cun investimento de 61.000€, actuando dende o punto quilométrico 3,5 e 4,4

A Deputación de Lugo informa de que continúa mellorando en Sober a estrada provincial  LU-P-5902, que une o núcleo de Canabal e Arxemil por Rosende. Esta semana comezaron unhas novas actuacións de rehabilitación do firme ás que a institución provincial destina 45.000€. 

Os traballos desenvólvense entre os puntos quilométricos 4,4 e 6,7 e consisten na limpeza de cunetas, drenaxe e pavimentación. O prazo de execución é de 9 meses, pero a previsión é de que estes labores rematen antes, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables.  

Estas obras dan continuidade ás que recentemente acometeu a Deputación nun tramo anterior, dende os puntos quilométricos 3,5 e 4,4 investindo 61.000€. A institución provincial realiza estas melloras co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e mellorar a comodidade dos usuarios e usuarias que transitan por esta estrada no seu día a día. 
 
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, salienta a importancia destes traballos e recalca que “a mellora das comunicacións é unha prioridade para o Goberno”. Detalla, así mesmo, que “defendemos a mobilidade como un dereito básico dos veciños e veciñas da provincia porque cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos”. 

A institución provincial destina 17,3M€ dos seus Orzamentos para o 2022 ás tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.