Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo
Formación
Innovación e TIC

Mulleres da Provincia, a serie do Servizo de Audiovisuais da Deputación que favorece o empoderamento feminino

SERVIZOS AUDIOVISUAIS
MULLERES DA PROVINCIA
Historias narradas en primeira persoa nas que as protagonistas son mulleres da provincia que traballan en ámbitos tradicionalmente masculinos

Uns vídeos que se enmarcan na labor constante de promoción e divulgación que promove a Deputación de Lugo a través deste servizo co obxectivo de salvagardar a memoria audiovisual da provincia

A institución ten en marcha outras seccións de éxito como Descubrindo Lugo, que amosa o patrimonio natural e cultural da provincia, e estrea Talento Lucense, onde se pon en valor a traxectoria de persoas que están a triunfar en diferentes ámbitos

A Deputación de Lugo vén de publicar a través do Servizo de Audiovisuais unha recompilación da serie Mulleres da Provincia repasando aqueles vídeos que se foron emitindo durante este último ano que leva en marcha o proxecto. Son historias nas que as protagonistas son mulleres, mulleres da provincia de Lugo que traballan en ámbitos tradicionalmente masculinos. Unha serie que forma parte da labor de promoción e divulgación que leva a cabo a institución provincial dende esta área e que ten por obxectivo salvagardar a memoria audiovisual da provincia.

Mulleres da Provincia consiste en historias contadas en primeira persoa, nas que elas repasan a súa traxectoria profesional e persoal. O obxectivo é dar visibilidade a modelos femininos a seguir nos diferentes ámbitos profesionais, favorecer o empoderamento da muller e avanzar na eliminación de estereotipos e roles sexistas e, deste xeito, camiñar cara unha igualdade real e efectiva entre homes e mulleres. 

Estes audiovisuais recollen a experiencia das primeiras alcaldesas de Lugo e Viveiro, a primeira subdelegada do Goberno en Lugo, a primeira vicerreitora do Campus de Lugo, a primeira tenente da Garda Civil en Lugo, a primeira maxistrada titular da Audiencia Provincial, unha investigadora da USC, a propietaria dunha granxa de vacas de leite, unha taxista, unha zapateira, unha muiñeira ou unha enxeñeira industrial.

Descubrindo Lugo
Descubrindo Lugo, outra sección do Servizo de Audiovisuais da Deputación, recompila con éxito os numerosos atractivos da provincia a través de espazos radiofónicos e audiovisuais. Recursos paisaxísticos e patrimoniais que en moitos casos son descoñecidos polos propios lucenses. Xa van publicados máis de 200 vídeos, dun par de minutos de duración cada un, con propostas que van desde fervenzas, miradoiros ou rutas de sendeirismo ata visitas a destacados vestixios castrexos e romanos, castelos, igrexas, mosteiros ou cemiterios singulares, así como percorridos por localidades cun importante valor patrimonial ou etnográfico. Patrimonio de incalculable valor que podemos atopar nos 67 concellos da provincia.

Nesta sección inclúese Descubrindo os Museos de Lugo, que abre as portas dos numerosos espazos museísticos que hai na provincia grazas a estas pezas audiovisuais.

Talento Lucense
Complementando esta labor divulgativa e promocional, o Servizo de Audiovisuais da Deputación iniciou ademais unha nova sección: Talento Lucense, que ten por obxectivo poñer en valor a traxectoria de mulleres, homes e rapaces da provincia que están a triunfar en diversos ámbitos a nivel nacional ou internacional, ou que son promesas con gran proxección grazas ao seu traballo, a súa perseveranza e, sobre todo, ao seu talento. Son lucenses que promocionan o territorio e poñen a provincia de Lugo no mapa.

Un bo exemplo é Diego As, o autor do mellor mural urbano do mundo co seu Xulio César fronte á Muralla romana, co que se vén de inaugurar esta serie.

Videopoemas do alumnado do Centro de Formación
Os estudantes de segundo do ciclo de Realización, que se enmarca no módulo de Procesos de Realización e Cine que imparte o Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo, elaboraron unha serie de videopoemas nos que poñen en práctica os coñecementos adquiridos na escola e desenvolven a súa creatividade. Os alumnos e alumnas inspíranse no poema dun escritor para facer a súa propia interpretación.

O Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo é a única escola que imparte formación superior na rama audiovisual na provincia e aposta polas prácticas do alumnado como un dos sinais de identidade do seu modelo educativo.