Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación pon en valor o entroido de Val de Francos cunha exposición e unha conferencia

turismo
castro de rei
Entroido
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo inaugurou en San Marcos a mostra fotográfica que conmemora o 30 aniversario da recuperación desta cita en Castro de Rei, que se completou coa disertación Entroidos galegos e mascarada europea, a cargo do etnógrafo e investigador Óscar Julián González

A iniciativa reponde ao “noso compromiso decidido co coñecemento, a difusión e a posta en valor da cultura popular da provincia, polo valor que ten en si mesma, pero tamén como recurso para artellar unha oferta turística de calidade, diferenciada, que crea emprego e consolida vías de desenvolvemento no rural”, subliñou Pilar García Porto

A Deputada agradeceu o traballo da asociación Val de Francos, “non só polo traballo para montar esta exposición, senón por recuperar este entroido e por manter vivo así o patrimonio cultural”, demostrando que “o rural está cheo de ideas, proxectos e ilusión, e que quere recuperar o seu pasado precisamente porque desexa avanzar cara o futuro”

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, inaugurou este xoves no Pazo de San Marcos unha exposición fotográfica dedicada ao entroido de Val de Francos, en Castro de Rei. Trátase dunha mostra promovida pola asociación Val de Francos da localidade grazas ao apoio e financiamento da institución provincial, que repasa a historia dun festexo que foi recuperado hai 30 anos nas parroquias que forman Val de Francos: Ansemar, Balmonte e Goberno. 

A inauguración da mostra, instalada no corredor de acceso ao Salón de Plenos, complementouse coa conferencia Entroidos Galegos e Mascarada Europea, a cargo de Óscar Julián González, etnógrafo e investigador especializado en Mascaradas europeas e autor do libro Mascaradas de la Península Ibérica. Na disertación, celebrada no Salón de Actos, González realizou unha comparativa entre esta cita castrexa con entroidos da provincia, como o Oso de Salcedo, na Pobra do Brollón, ou o entroido Ribeirao, ademais doutros festexos de Galicia e España. 

Pilar García Porto  destacou que a organización desta mostra e a conferencia responde ao “compromiso decidido que mantemos na Deputación co coñecemento, a difusión e a posta en valor da cultura popular”. “As festas, o patrimonio etnográfico, teñen valor en si mesmo como parte da nosa cultura. Son parte das nosas raíces e axúdannos a entender os procesos que nos levaron a ser o que somos como sociedade, pero, ao mesmo tempo, as festas e tradicións como o Entroido son tamén unha ferramenta de futuro. Un recurso que nos axuda a artellar unha oferta turística de calidade, diferenciada, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego sostible, consolidando vías de desenvolvemento no rural, que tanto o necesita. Un modelo de turismo polo que apostamos firmemente nesta institución provincial”, explicou a Deputada.

A responsable da área provincial de Promoción do Territorio e Turismo agradeceu neste sentido o traballo da asociación Val de Francos, “non só polo traballo para montar esta exposición, senón por recuperar este entroido e por manter vivo así o patrimonio cultural de Castro de Rei”. “Un esforzo”, asegurou, “que demostra que o rural da provincia de Lugo está cheo de ideas, proxectos e ilusión, que quere recuperar o seu pasado precisamente porque desexa avanzar cara o futuro. E nese camiño vai encontrar sempre o apoio da Depuatción de Lugo, como ocorreu nesta ocasión”.
A exposición poderá visitarse nos corredores do Pazo de San Marcos ata o 6 de abril. Conta cunhas 300 fotografías que repasan a historia do entroido de Val de Francos e revive algúns dos momentos máis sinalados para a agrupación que o organiza.