Cooperación concellos
Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación participa na XXVI Festa do Queixo San Simón da Costa de Vilalba

Vilalba
Festa do Queixo
Os deputados Pilar García Porto e Roberto García Pernas asistiron este sábado á tardiña ao pregón que oficiou o profesor Francisco Sineiro no templete da Praza da Constitución vilalbesa

García Porto: “A promoción e o estímulo do consumo dos nosos excelentes e variados produtos autóctonos é fundamental para dinamizar a economía e o rural da provincia de Lugo. Por iso é tan importante esta cita”

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, asistiron este sábado á tardiña ao pregón da XXVI Festa do Queixo San Simón da Costa que acolleu o templete da Praza da Constitución vilalbesa. 

García Porto felicitou á organización por retomar esta importante cita gastronómica que pon en valor e que promociona un produto de gran calidade como é o Queixo de San Simón da Costa, con Denominación de Orixe Protexida. “A promoción e o estímulo do consumo dos nosos excelentes e variados produtos autóctonos é fundamental para dinamizar a economía e o rural da provincia de Lugo”, recalcou e incidiu en que “por esta razón é tan importante esta Festa do Queixo, que se ten convertido nunha cita imprescindible para os veciños e veciñas da provincia de Lugo, pero tamén para persoas chegadas doutros territorios, como pode ser a zona de Asturias ou doutras provincias galegas”.

A Deputada afirmou na súa intervención que “a gastronomía e o turismo cambian constantemente, e por iso é necesario facer o que está facendo o Concello de Vilalba: atopar novas formas de poñer en valor aquelo que sempre estivo con nós”. E nese sentido resaltou que esta importante festa “casa perfectamente co modelo promoción do territorio e do turismo polo que apostamos dende a Deputación de Lugo para favorecer o desenvolvemento socioeconómico da provincia”. Un turismo, dixo, que radica na “calidade, sostible, non masificado, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego, especialmente no rural”. 

Os deputados animaron á veciñanza a acudir a degustar este produto e participar nas actividades, showcooking, obradoiros infantís, pasarrúas e concertos musicais ao redor deste produto emblema da comarca da Terra Chá.
O pregón oficiouno Francisco Sineiro, quen foi profesor de Economía Agraria na Escola Superior de Enxeñaría de Lugo, conselleiro de Agricultura e investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.