Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo acolle un encontro para concellos de toda Galicia sobre as axudas do Estado en materia de vivenda

VIVENDA
LIÑAS DE AXUDA
O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, presidiu o encontro, no que o Secretario Xeral de Vivenda e Axenda Urbana do Goberno de España, David Lucas, explicou, acompañado do Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, as diferentes liñas do novo Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación 2022-2025, dotado con 1.443M€

Tomé Roca abriu a reunión destacando que “contar con programas de vivenda social é un dos trazos que definen os Estados do Benestar” e sinalou que, xa antes da pandemia, os expertos consideraban que Galicia necesita 5.000 vivendas protexidas máis para cubrir as necesidades sociais

O encontro celebrado hoxe é “un bo exemplo” de “cogobernanza” e do “traballo continuado do Goberno do noso país, dese conxunto amplísimo de medidas e de plans de choque deseñados polo Executivo para loitar contra os efectos da pandemia e contra a actual crise enerxética derivada da guerra”, destacou o Presidente

O Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación 2022-2025 inclúe axudas directas das que se beneficiarán principalmente persoas vulnerables e con menos recursos, e prevé tamén achegas para incrementar o parque público de vivenda de ata o 60% do prezo da adquisición ás que poderán optar os concellos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este martes no Pazo de San Marcos un encontro informativo para concellos de toda Galicia sobre o novo Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación 2022-2025 co Secretario Xeral de Axenda Urbana e Vivenda, David Lucas Parrón. Na xornada, que tivo lugar pola tarde no Salón de Actos, tamén participou o Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, e asistiron máis de 70 representantes locais e provinciais de toda a comunidade autónoma. O obxectivo da reunión foi explicar de primeira man as 13 liñas programáticas do Goberno central, dotadas con 1.443M€, para axudas directas das que se beneficiarán persoas vulnerables e con menos recursos. 

Este encontro tamén puido seguirse vía streaming a través da canle de Youtube dos Servizos Audiovisuais da institución provincial.

Tomé Roca salientou na súa intervención que “contar con programas de vivenda social é un dos trazos que definen aos Estados do Benestar. Medidas que complementen os mecanismos do mercado para asegurar a universalidade do acceso”. O Presidente engadiu que debido á “actual situación económica fai especialmente importante a acción neste terreo” e sinalou que no período entre o 2011 e o 2019, en Galicia se levantaron 3.023 vivendas protexidas, pero que xa antes do impacto da pandemia “os expertos consideraban que o mercado inmobiliario na nosa comunidade autónoma precisaría de a lo menos outras 5.000 para cubrir as necesidades sociais”.

Expuxo José Tomé que este encontro “é un bo exemplo do traballo continuado do Goberno do noso país” e que este plan presentado polo Secretario Xeral de Axenda Urbana e Vivenda en Lugo “forma parte dese conxunto amplísimo de medidas e de plans de choque deseñados polo Executivo para loitar contra os efectos da pandemia e contra a actual crisis enerxética derivada da guerra”, engadindo que “o Goberno de España tivo que adoptar medidas excepcionais para facer fronte a situacións que hai tres anos parecíannos inimaxinables”.

“Sabémolo tamén nesta Deputación, na que tivemos que afrontar plans de resposta á Covid ou o Plan de Impulso da Economía da Provincia para axudar na reactivación dos sectores produtivos, sempre desde o diálogo cos axentes sociais e os concellos”, lembrou o Presidente, que destacou a importancia de que a xornada informativa fose dirixida ás administracións locais, que son “as que trasladan á realidade da rúa a inmensa maioría das accións que se publican no Boletín Oficial do Estado”.

Neste sentido, José Tomé destacou que a presenza do Secretario Xeral de Axenda Urbana e Vivenda neste encontro “é o mellor exemplo da aposta do Goberno de España pola cogobernanza, unha cogobernanza que non é outra cousa que aplicar o diálogo, a lealdade e o recoñecemento da esfera de competencias de cada nivel da Administración do Estado”.

1.443M€ para axudas directas de acceso á vivenda

O Secretario Xeral de Axenda Urbana e Vivenda, David Lucas, presentou en San Marcos o Plan Estatal para o Acceso á Vivenda 2022-2025 do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, dotado con 1.443M€. Segundo explicou Lucas Parrón, trátase dun programa que a curto prazo pretende facilitar o acceso á vivenda aos cidadáns con menos recursos; dotar de residencia inmediata ás vítimas de violencia de xénero, persoas obxecto de desafiuzamento ou persoas sen fogar; e tamén que as persoas novas o teñan máis doado á hora de adquirir un inmoble.

No que respecta aos obxectivos a medio prazo, o Secretario Xeral sinalou no encontro cos representantes locais que a intención do Goberno con este plan é incrementar a oferta de vivenda en aluguer social impulsando o parque público de vivenda e establecendo axudas; aumentar a oferta de vivenda en aluguer asumible para persoas maiores ou con discapacidade; tamén incrementar os aloxamentos temporais, modalidades residenciais de tipo compartidos e interxeneracionais.

Entre os obxectivos do plan, segundo explicou Lucas Parrón, está tamén o de seguir mellorando á accesibilidade das vivendas ou impulsar a rexeneración urbana e rural en zonas degradadas.

Dentro das 13 liñas programáticas deste Plan de Acceso á Vivenda recóllense axudas de ata o 50% na renda do aluguer, de ata 600€ mensuais para colectivos vulnerables, persoas novas de ata 35 anos; axudas de ata 10.800€ para a compra de vivenda de xente nova en municipios ou núcleos de poboación igual ou inferior aos 10.000 habitantes; ou achegas de ata 12.500€ para mellorar a accesibilidade e a adecuación das vivendas.

David Lucas explicou aos representantes locais e provinciais que entre outras medidas este plan tamén ten un programa pensado para incrementar o parque público de vivenda nos diferentes municipios con axudas de ata o 60% do prezo da adquisición e do que serán beneficiarias as administracións públicas, organismos públicos, empresas público-privadas e sociedades mercantís maioritariamente participadas por administracións públicas.