Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación aglomera a estrada que une O Corgo e Castroverde, onde inviste 377.000€

Rede provincial de estradas
O Corgo
Castroverde
A institución provincial desenvolve estes días os días os traballos de ensanche e mellora da estada LU-P-1201 nun treito de 1,5 quilómetros, entre os núcleos de Coto e de Agustín

Os traballos tamén incluíron a construción dunha nova ponte sobre o río Postigo cun marco prefabricado de 16,5 metros de lonxitude

As actuacións beneficiarán de xeito directo a moitos veciños e veciñas da comarca porque se trata dunha estrada moi transitada que vertebra os concellos de Baralla, O Corgo e Castroverde

A Deputación de Lugo acomete estes días os traballos de aglomerado na estrada provincial LU-P-1201, no tramo que une os núcleos de Coto, no Corgo, e Agustín, en Castroverde. A institución provincial inviste 377.000€ nestas obras coas que practicamente se dobrará o ancho da estrada, pasando dos 4,5 metros aos 7.

As obras afectan a 1,5 quilómetros, entre os núcleos de Coto -no Corgo- e de Agustín -en Castroverde-, dende o punto quilométrico 10,1 ao 11,6 e consisten no movemento de terras, a drenaxe transversal mediante a reposición das cunetas con tubos de formigón, a pavimentación con aglomerado en quente, e a sinalización horizontal e vertical, así como o balizamento e a limpeza de cunetas. Así mesmo, o proxecto que acomete a Deputación de Lugo incluíu a construción dunha nova ponte sobre o río Postigo, xa acometida, cun marco prefabricado de 16,5 metros de lonxitude, que se atopa no quilómetro 10,3, cunha obra de fábrica de mampostería.  

Con estas actuacións, a Deputación resolve un problema que se arrastraba dende o ano 2003, cando se expropiaron os terreos para acometer este proxecto, que completa o ensanche da estrada provincial. As obras beneficiarán a moitos veciños e veciñas de maneira directa porque se trata dunha estrada moi transitada que articula os concellos de Baralla, O Corgo e Castroverde, dando servizo a 7 parroquias deste último municipio.

Estes traballos na estrada provincial a LU-P-1201 súmanse aos de mellora e ensanche doutro tramo, de máis de dous quilómetros, entre Souto de Torres e o polígono industrial de Castroverde, unhas obras que contaron cun investimento de 380.000€.

A institución provincial destina 17,3M€ dos seus Orzamentos para o 2022 ás tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.