Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación e a Armada de Ferrol estreitan lazos na celebración da Semana Santa de Lugo

Semana Santa
O Presidente da institución provincial participou na recepción ás Forzas Armadas xunto á Alcaldesa, a Subdelegada do Goberno e representantes da confraría da Virxe da Esperanza no consistorio lucense

José Tomé Roca recoñeceu o traballo das confrarías “para manter vida a esencia da Semana Santa” tras dous anos de pandemia e das Forzas Armadas, “un exemplo de servizo público”, ás que “é de obriga agradecer o seu papel en tarefas como o rastrexo de contaxios, os labores de desinfección e mesmo a colaboración na vacinación”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este luns nun encontro coa Armada de Ferrol no que se retomou a normalidade nas celebracións da Semana Santa logo de dous anos de interrupción pola pandemia da Covid-19.  Uns actos que comezaron no Concello de Lugo xunto á Alcaldesa da cidade, Lara Méndez, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, representantes da Confraría da Virxe da Esperanza e resto de autoridades que recibiron ás Forzas Armadas. A continuación, as autoridades trasladáronse á Praza Maior onde se pasou revista ás tropas e se fixo un desfile. 

Tomé Roca recoñeceu o traballo das confrarías para manter viva a esencia da Semana Santa, e puxo en valor o traballo da Armada como “un exemplo de servizo público, un exemplo tamén de compromiso cos ideais democráticos defendidos pola Unión Europea, algo que pon de manifesto a súa capacidade para participar en misións internacionais, cunha excelencia operativa que merece o recoñecemento internacional”. Fixo especial fincapé en agradecer o papel que tiveron as Forzas Armadas na pandemia, desenvolvendo tarefas como o rastrexo de persoas contaxiadas, os labores de desinfección e mesmo a colaboración nas primeiras fases da vacinación. O mandatario provincial destacou que “o seu desempeño foi, coma sempre, exemplar, e renovou a sensación de agarimo e de confianza que ten a sociedade nas nosas Forzas Armadas”.

Nos últimos tempos, dixo, “a Armada é sinónimo de modernización constante, de incorporación de novos medios e tecnoloxías, pero a Armada Española ten unha longa tradición de aprecio pola cultura e polas tradicións”. Manifestou  que “dende o ano 1952 está vinculada ás celebracións da Semana Santa de Lugo, dun xeito especial a esta celebración do Luns Santo, que xira arredor da súa patroa, a Virxe da Esperanza”. Nas súas palabras, Tomé Roca explicou que a “esperanza” é algo que queremos manter sempre, ata nos momentos máis difíciles, a confianza en que os problemas se van resolver, en que as cousas poden mellorar, en que o resultado será favorable”.

“A Semana Santa da esperanza”
“Penso que a celebración da Semana Santa deste ano está marcada pola esperanza, polo desexo de ir superando os efectos da pandemia e de recuperar a normalidade nas nosas vidas”, recalcou, pero tamén “a esperanza de que a brutal guerra desatada no este de Europa poida chegar ó seu fin o antes posible”.

Tomé Roca dixo que a “Semana Santa é unha das grandes citas do calendario festivo, cunha tradición moi rica na provincia de Lugo. Xunto co seu significado relixioso, tense convertido nun referente para o turismo cultural. Para un turismo de calidade que busca coñecer os sinais de identidade, o patrimonio, as costumes ou a gastronomía da nosa terra”. Tamén incidiu en que “estas celebracións son tamén unha forma de dar a coñecer os recursos turísticos de Lugo, para consolidarnos como nodo de atracción para os visitantes do conxunto de España e, cada vez máis, dos circuítos internacionais”.

Procesión da Virxe da Esperanza
Pola tarde, ás 20:30 horas, sairá a procesión da Virxe da Esperanza da Igrexa Nova polas rúas da cidade de Lugo. A tradición ten a súa orixe nos anos da Guerra da Independencia, cando o Terzo Norte tomou parte activa na defensa da cidade de Lugo, en 1809, derrotando aos franceses no sitio actual das Gándaras. Esa vitoria do Terzo Norte evitou a toma da cidade polas tropas de Napoleón. A mediados do século XX, en 1952, o Ministro da Marina recibiu en nome da Armada o título de Irmán Maior Honorario da confraría da Virxe da Esperanza e a partir desa data a Armada participa nos actos da Semana Santa de Lugo escoltando en procesión á Virxe da Esperanza.