Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación colabora coa segunda edición do programa de impulso do emprendemento O Camiño Creativo

Forum Lugo 2022
O Presidente destacou na presentación da iniciativa, promovida por España Creativa, que a institución provincial comparte a filosofía do proxecto, “que representa unha aposta polo emprendemento e a innovación ligada ao patrimonio natural e cultural”, para impulsar un modelo de turismo de calidade e sostible

O Camiño Creativo busca potenciar a creatividade dos emprendedores e emprendedoras e axudalos a desenvolver un plan de negocio ao tempo que percorren o Camiño de Santiago de Inverno

José Tomé lembrou que a Deputación xunto con España Creativa está organizando o Fórum Lugo 2022 como gañadora da Copa España Creativa do pasado ano por un proxecto de recuperación e posta en valor de soutos na Reservas da Biosfera dos Ancares Lucenses

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este mércores na presentación da segunda edición do proxecto O Camiño Creativo de Santiago – XACOBEO21.22. Emprende!, que tivo lugar nun dos catamaráns da institución provincial que saen do embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte, e percorren a Ribeira Sacra. Esta iniciativa de emprendemento está impulsada por España Creativa.

José Tomé destacou que o proxecto “representa unha aposta polo emprendemento e pola innovación ligada ó patrimonio natural e cultural. Unha filosofía que compartimos dende a Deputación para impulsar o turismo sostible e de calidade. É dicir, converter os valores do pasado en elementos para o desenvolvemento do futuro, tanto social como económico, sobre todo do noso rural”.

No acto, o Presidente estivo acompañado polo Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, a presidenta de España Creativa, Belén Elisa Díaz, e outras autoridades autonómicas e locais.

O Camiño Creativo busca potenciar a creatividade dos emprendedores e emprendedoras e axudalos a desenvolver un plan de negocio ao tempo que percorren o Camiño de Santiago de Inverno.

“Igual que nesta presentación, os participantes no programa poderán gozar da riqueza patrimonial tan diversa que temos na nosa provincia”, sinalou o Presidente e destacou como exemplo a igrexa de Cadeiras, onde se celebrou a segunda parte do acto. 

Esta actividade serve como antesala do Fórum Lugo 2022 que acollerá a provincia no mes de novembro e da que a Deputación de Lugo é organizadora, xunto a España Creativa, tras gañar a Copa España Creativa do pasado ano por un proxecto para a recuperación e posta en valor de soutos na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.  

A nova convocatoria do Camiño Creativo de Santiago – XACOBEO21.22. Emprende! estará aberta ata o 15 de maio. A previsión é que se leve a cabo do 5 ao 25 de xullo cun máximo de 20 participantes.