Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente da Deputación pon en valor o traballo e bo facer dos produtores, a veciñanza e o Concello de Pedrafita na recuperación do Queixo do Cebreiro

Feira do Queixo do Cebreiro
PEDRAFITA DO CEBREIRO
José Tomé Roca foi o pregoeiro da Feira do Queixo, que volveu encher o concello da Montaña este venres tras dous anos de aprazamento obrigado pola pandemia

“O rural lucense está cheo de oportunidades, como ben demostra o Queixo do Cebreiro. O que precisa son políticas públicas axeitadas, como é a creación do Centro de Atención a Maiores Manuel Villasol, que abrimos en Pedrafita hai menos dun ano dende a Deputación en colaboración co Concello”, subliñou o mandatario provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, foi o pregoeiro da Feira do Queixo do Cebreiro que se celebrou este venres no concello da Montaña lucense cunha gran participación despois de dous anos de parón obrigado pola pandemia. O mandatario provincial puxo en valor na súa intervención o traballo e bo facer dos produtores, a veciñanza e o Concello de Pedrafita do Cebreiro na recuperación deste produto, agora recoñecido con Denominación de Orixe. 

Así mesmo, recalcou que este percorrido, “pasando de estar en desaparición a consolidarse como un produto recoñecido na gastronomía internacional”, define “moi ben” todas as potencialidades que ten o rural lucense”, que, asegurou, “está cheo de ideas, oportunidades, proxectos e recursos”, que o que precisan son “políticas públicas” axeitadas, como é, precisamente, a creación do Centro de Atención a Maiores Manuel Villasol, que abriu en Pedrafita a Deputación de Lugo en colaboración co Concello hai menos dun ano.

Pregón do Presidente da Deputación

Bos días a todos e a todas,

Benvidos a esta nova edición da Feira do Queixo do Cebreiro, unha edición realmente especial porque recuperamos esta festa tan importante para Pedrafita, para a comarca da Montaña e para o conxunto da provincia de Lugo, despois de dous anos nos que a pandemia nos impediu xuntarnos.

Por iso, quero agradecer á organización, á Denominación de Orixe, ós produtores e ó Concello de Pedrafita, o traballo que fixeron para recuperar esta feira, pero tamén para seguir promovendo o queixo do Cebreiro durante os tempos máis duros da pandemia. E, por suposto, moitas gracias por pensar en min para ofrecer o pregón desta 34 edición da Feira do Queixo do Cebreiro.

É un orgullo que confiarades en min unha responsabilidade tan importante como a de poñerlle voz a un buque insignia deste concello, como é a Feira do Queixo. Todo un emblema, xunto con outros cos que tedes a fortuna de contar, como o Camiño de Santiago, o Santuario de Santa María A Real, unha fermosa paisaxe ou unha rica gastronomía.          

Como Presidente da Deputación de Lugo, traballar para poñer en valor e para promover os produtos autóctonos da nosa provincia é unha das miñas obrigas. Como bo consumidor de queixo, estar hoxe aquí, compartindo con todos e con todas vostedes esta festa, é un verdadeiro pracer.

O queixo, o bo queixo como o do Cebreiro, é un alimento que nos acompaña ó longo da vida. Descubrímolo de nenos, como parte da sobremesa ou da merenda. Moitas veces como un agasallo, cun pouco de mel por riba ou acompañado de marmelo. 

Cando chegamos a adultos, un prato de queixo, unha cesta de pan e unha botella de viño son a escusa perfecta para desfrutar dun encontro con amigos e dunha boa conversa, despois da comida ou antes de camiñar cara a cea.

E cando avanzamos na vida e nos facemos maiores, recuperamos as lembranzas da infancia e gústanos darlles ós nenos un chisco de queixo, como facían con nós as nosas nais e pais, ou os nosos maiores.

Este cariño que sempre asociamos co queixo é o reflexo do cariño e do coidado co que os produtores elaboran o seu produto. 

Diso son un bo exemplo os produtores de queixo do Cebreiro. Produtores que dende os anos 80 veñen traballando para recuperar un produto que no século XVIII era manxar de Reis e un dos queixos máis caros de Europa. O queixo do Cebreiro competía daquela en prestixio, como volve a facer hoxe, cos mellores queixos de Francia ou Suíza.

Sabemos que por aquel entón, a Corte de Madrid mercaba queixo do Cebreiro todas as semanas, e o produto era tan apreciado que o rei Carlos III mandáballo como agasallo á súa irmá, Mariana Victoria, raíña de Portugal.

Logo deses tempos de enorme alza e aprecio, a produción de queixo na comarca foi desaparecendo. Nos 80, apenas se elaboraba, soamente de xeito artesanal, nunhas poucas casas. 

Pero, gracias a un gran traballo de recuperación e de posta en valor, o queixo do Cebreiro é hoxe un dos sinais de identidade da gastronomía da provincia de Lugo e de Galicia, que ten ademais unha importante proxección tamén no conxunto do Estado. Un produto estrela ó alcance de todo o mundo. 

Por iso, esta Feira representa moitas cousas. É un exemplo de traballo ben feito. É un exemplo dos froitos que dá a colaboración entre os veciños, os produtores e as institucións. Estamos hoxe aquí porque un grupo de veciños e veciñas decidiron que non querían deixar morrer un produto típico, unha parte da súa herdanza e da historia gastronómica.

E co seu traballo e bo facer, o queixo do Cebreiro pasou de ser unha rareza culinaria en vías de extinción, a converterse, en poucos anos, nun produto con Denominación de Orixe, amparado e divulgado polo bo traballo do Consello Regulador. Hoxe é un dos 26 queixos con Denominación de Orixe que existen en toda España.

Penso que este percorrido, pasando de estar en desaparición a consolidarse como un produto recoñecido na gastronomía internacional, define moi ben todas as potencialidades que ten o rural lucense, unha gran parte delas vinculadas ós nosos produtos de proximidade.

Persoalmente, teño un empeño, que é desterrar todas esas expresións que falan dun rural baleiro, ou que cuestionan o futuro da Galicia interior. O noso rural non está baleiro. O noso rural está cheo de ideas, de oportunidades, de proxectos e de recursos, como é, sen ir máis aló, o Queixo do Cebreiro.

O que precisamos é de políticas públicas que saiban recoñecer todos eses elementos e que apoien as iniciativas que xorden no rural: que teñan en conta esa realidade, para impulsar medidas de desenvolvemento para o rural.

Políticas públicas que dean tan bos resultados como está dando, por exemplo, o Centro de Atención a Maiores Manuel Villasol, que abrimos aquí en Pedrafita do Cebreiro hai menos dun ano dende a Deputación de Lugo, co inestimable apoio e a colaboración do Concello e do seu Alcalde, José Luis Raposo. 

Unha residencia pública, no rural, que ofrece unha atención de calidade, que permite que os veciños e veciñas de Pedrafita poidan quedarse aquí de maiores, sen ter que desprazarse lonxe das súas casas, e que, ademais, crea emprego e ten un importante retorno na economía local. 

Refírome tamén a accións que, por exemplo, tomen como referencia o que se leva facendo no Cebreiro dende os anos 80. Porque os primeiros organizadores desta Feira decidiron actuar con intelixencia, apostando pola tradición, pola calidade e pola proxección cara ó exterior. Entenderon que un produto de calidade ten futuro, e entenderon que a gastronomía é unha gran aliada do turismo. 

Non é casualidade que celebremos esta Feira hoxe, o día de Venres Santo. É máis doado que a xente se desprace a coñecer un produto en días de vacacións, como parte do ocio. Por iso, dende que comezou, esta Feira está moi vinculada coa Semana Santa, un período de festividade relixiosa, que tamén favorece os desprazamentos da xente.

O Cebreiro é terra do Camiño de Santiago. E o queixo do Cebreiro é un queixo camiñante. Un queixo que naceu, posiblemente, das receitas que trouxeron os monxes franceses, que na Idade Media fundaron aquí un hospital para atender as necesidades dos peregrinos. 

Hoxe, coma sempre, o peregrino que para e que descansa no Cebreiro, convértese nun embaixador da nosa terra e dos nosos produtos cando volve á súa casa.

Nacido para recuperar as forzas dos peregrinos, o queixo do Cebreiro viaxa polo mundo nas mochilas e nas historias daqueles que fan o Camiño, e que, ó chegar ás súas casas, falan de vivencias, de paisaxe, de monumentos e, tamén, das excelencias do queixo do Cebreiro.

Remato xa, porque despois de tanto falar a boca pídeme menos palabras e máis queixo. E coma todos e todas vostedes, estou desexando probar os queixos elaborados este ano, que seguro que son excelentes. 

Iso si, teño que confesar que, despois de preparar este pregón, sigo sen ter claro se a forma do queixo do Cebreiro se parece máis a un cogomelo ou a un gorro de cociñeiro. Mesmo tampouco importa tanto, porque o refraneiro, que é sabio, aconsella: “Queixo do Cebreiro, comer ata o sombreiro”. Unha invitación a comer moito, ou a rematar o queixo unha vez empezado, sen deixar nin rastro da súa forma orixinal.

Así que, boa Feira do Queixo a todos e a todas, e parabéns á organización, ós produtores, ó Concello de Pedrafita e ó seu Alcalde, por amosar, unha vez máis, a calidade e todo o potencial que teñen os nosos produtos para impulsar o futuro dun territorio cando os sabemos poñer en valor. 

Moitas gracias e boa feira!