Deputación de Lugo
Turismo

Preto de 2.500 persoas gozaron das rutas en catamarán da Deputación pola Ribeira Sacra durante a Semana Santa

rutas fluviais
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo celebrou uns “datos moi positivos e que indican unha moi boa tendencia nas reservas deste servizo provincial para a tempada que acaba de comezar”

Este atractivo turístico provincial contribúe a dinamizar a economía en sectores como o hostaleiro ou o comercial e promove un turismo de calidade e non masificado polo que aposta a institución lucense

As viaxes en catamarán que ofrece a Deputación de Lugo pola Ribeira Sacra atraeron a preto de 2.500 persoas durante a Semana Santa, consolidándose como un atractivo turístico de primeira orde para os visitantes desta comarca e da provincia. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informou deste datos, que cualificou como “moi positivos” e engadiu que “as reservas indican que a tendencia da temporada vai ser moi boa”. 

As viaxes contaron con preto dun 90% de ocupación do xoves ao domingo, sendo os días nos que máis viaxeiros elixiron esta alternativa turística. O bo tempo e os días festivos axudaron a encher as embarcacións. 

“Estamos notando unha tendencia á alza de viaxes en pequenos grupos, con familia e amigos, pero tamén un gran incremento de pasaxeiros internacionais, algo non tan habitual nestas datas como no verán”, destacou a Deputada. Na última tempada detectouse un cambio de comportamento no público, que agora fai plans a curto prazo e decide con menos antelación que facer no seu tempo de lecer, incrementando a reservas nos catamaráns nos días previos a facer a viaxe. 

Este ano a temporada botou a andar na ponte de San Xosé. “As rutas fluviais favorecen á proxección da Ribeira Sacra, e son unha boa maneira de promocionar o noso territorio a través do turismo de calidade, proximidade e non masificado. O visitante busca alternativas ao aire libre, en plena natureza e seguras, como a que ofrece este servizo da Deputación de Lugo”, destacou a Deputada.

Rutas, reservas e horarios

A Deputación de Lugo ten en marcha unha nova web de reservas para as rutas fluviais pola Ribeira Sacra. Todas as persoas interesadas en coñecer as paisaxes da Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da institución provincial poden formalizar a súa reserva na web https://reservas.rutasembalses.es.

Na nova tempada manteranse os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e ten unha duración de 2 horas; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, e que transita polo Saviñao, Pantón e Chantada, tamén cunha duración aproximada de 2 horas. 

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros.

Na ruta fluvial Canón do Sil navegará o que resta de abril e maio, as rutas serán de mércores a domingo. En canto á semana do 16 de maio, con motivo das Letras Galegas realizaranse viaxes todos os días. No caso de Cabo do Mundo, neste período haberá viaxes as fins de semana e os días 16 e 17 de maio ao ser o festivo das Letras Galegas.

Nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña na ruta do Canón do Sil. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día, a excepción da ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro. No caso da Ruta Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes do mércores ao domingo, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro.

As dúas rutas rematarán a temporada na ponte de decembro con viaxes todos os días do 3 ao 11 de decembro.