Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural da Deputación pon en marcha “Da Escola á Granxa”, para achegar a nenos e nenas a proxectos de emprendemento no rural

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
Mónica Freire
DA ESCOLA Á GRANXA
VISITAS ESCOLARES
DESENVOLVEMENTO RURAL
O programa financiará visitas de escolares de primaria a gandeirías, producións agrícolas e pequenas empresas de transformación de todas as comarcas

Mónica Freire sinalou “a necesidade de visibilizar referentes no rural para que as xeracións máis novas valoren o papel do sector primario na sociedade”

A convocatoria, dirixida ás Anpas, publicouse este venres no Boletín Oficial da Provincia e conta cun investimento de 40.000 euros

A deputada  Mónica Freire presentou este venres o programa “Da escola á granxa”, unha nova iniciativa da área de Medio Rural da Deputación de Lugo que ofrece ao alumnado a posibilidade de participaren en visita a gandeirías, producións agrícolas e pequenas empresas de transformación de produtos agrogandeiros.

O Boletín Oficial da Provincia publicou este venres a convocatoria, dirixida ás Anpas, que poderán solicitar visitas a algunha das 25 granxas e entidades participantes, optando a unha ampla oferta educativa que inclúe desde visitas para coñecer de primeira man o manexo de animais e cultivos, obradoiros de elaboración de produtos  e outras actividades divulgativas ligados ao coñecemento da contorna e á educación ambiental.

Na presentación Mónica Freire explicou que o programa incide na promoción e valorización do sector primario como un dos piares da actividade económica, do dinamismo social e do equilibrio territorial da provincia, na mesma dirección doutras iniciativas desenvolvidas desde a área de Medio Rural como a plataforma de venda en liña Son de Lugo ou a colaboración coas asociacións agrogandeiras.

A deputada nacionalista destacou que “Da escola á granxa contribuirá a reforzar lazos entre proxectos de emprendemento no sector primario que, desde actividades diversas que van desde a gandeiría, a agricultura, a produción alimentaria ou a conservación ambiental, comparten a aposta polo rural, por producións de calidade e por modelos e formas de manexo sostibles e adaptadas ao territorio”, ao tempo que “configuramos unha oferta de recursos e servizos educativos que pode diversificar e completar as rendas das explotacións, como acontece noutros países europeos e se recolle tamén na Política Agraria Común”

Nesa liña Mónica Freire sinalou tamén a necesidade deste tipo de iniciativa “para que os nenos e nenas coñezan e valoren os produtos de proximidade e a importancia do sector primario tanto no abastecemento alimentario coma no mantemento da paixase, do territorio ou da cultura” e “afastar definitivamente ese estigma social arredor do rural, visibilizando referentes para que á hora de enfocar ás súas vidas vexan o rual como un espazo no que desenvolver os seus coñecementos e o seu talento”.

No acto tamén interviron representantes das granxes e entidades que participan no programa: Diego Fernández da gandeiría Casa da Escola de Gundivós, en Sober, dedicada ao gando porcino e ovino, Suso Mazaira da queixería chantadina Airas Moniz, que ven de facerse con tres premios no Salón Gourmet de Madrid, e Iván Rodríguez, director técnico na Asociación de Criadores de Porco Celta (Asoporcel), da que forman parte catro das granxas incluídas no programa, que coincidiron en valorar a inicitiva como unha oportunidade para dar a coñecer ás xeracións máis novas o que se está a facer no rural.

Entidades participantes

“Da Escola á Granxa” ofrece ao alumnado a posibilidade de coñecer de primeira man a produtores e entidades de referencia no seu ámbito, e con experiencia na organización de actividades con escolares, procurando unha distribución por todo o territorio a fin de que a distancia no fora impedimento para que os centros educativos se acollan ao programa.

Na elección dos participantes buscouse configurar una oferta formativa variada, incluíndo granxas e producións de distintos ámbitos do sector agrícola e gandeiro, desde a produción de froitas ou produtos de horta, ata castañas, mel, ovos, leite e carnes de vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar.

A oferta inclúe tamén obradoiros de agricultura ecolóxica a cargo de ADEGA nos propios centros, para as Anpas que prefiran evitar os desprazamentos.

Solicitudes

A convocatoria está dirixida a Anpas de centros escolares públicos de educación infantil e primaria de municipios de ata 20.000 habitantes. O importe das axudas oscilará entre os 300 e os 600 euros, en función do orzamento e das solicitudes que se tramiten xa que se trata dunha convocatoria en réxime de concorrencia.

As Anpas dispoñen de 20 días hábiles para tramitar as solicitudes, dacordo co que se indica nas bases. A concesión farase por orde de solicitude, ata esgotar o orzamento dispoñible, de 40.000 euros, entre as que cumpran cos requisitos establecidos.