Deputación de Lugo

A Deputación inaugura unha exposición sobre a historia da Banda de Música de Antas no Castelo de Pambre

Banda de Música de Antas
Palas de Rei
Antas de Ulla
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, convidou á veciñanza e aos visitantes de Palas, de toda a comarca da Ulloa e da provincia a visitar a mostra 125 anos resoando no corazón de Galicia, organizada pola institución no marco do seu apoio ao aniversario da agrupación musical ulloá

Coa exposición “poñemos en valor a historia e a riqueza que supón para o noso territorio contar coa Banda de Antas, unha das formacións máis antigas de Galicia que dinamiza a vida social e cultural, e que actúa sempre como embaixadora de primeiro nivel para a promoción da comarca”, subliñou García Porto

A mostra, con acceso gratuíto, estará aberta ata o 29 de maio, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, na Sala de Exposicións do Castelo

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, inaugurou este sábado no Castelo de Pambre, en Palas de Rei, a mostra 125 anos resoando no Corazón de Galicia, que repasa a historia da Banda de Música de Antas de Ulla. Unha exposición promovida pola institución provincial con motivo do aniversario da agrupación e que xa estivo instalada na propia localidade ulloá. 

Pilar García Porto convidou aos veciños e veciñas de Palas de Rei, de toda a Ulloa e do conxunto da provincia a visitar a mostra, “coa que poñemos en valor a historia e a riqueza que supón para o noso territorio contar coa Banda de Antas, unha das formacións máis antigas de Galicia que dinamiza a vida social e cultural, e que actúa sempre como embaixadora de primeiro nivel para a promoción da comarca”. Neste sentido, a Deputada subliñou que a agrupación ten “un gran pasado, pero tamén un gran futuro, garantido pola media de idade dos actuais membros da Banda, todos e todas eles moi novos”.

A mostra, con acceso gratuíto, estará aberta ata o 29 de maio, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, na Sala de Exposicións do Castelo de Pambre.

A Deputación financiou con 18.000€ a mostra, ademais de achegar outros 18.000€ para a celebración dos distintos actos conmemorativos da Banda de Música de Antas, entre os que se atopa a edición dun libro e de dous vídeos que documentan o percorrido da formación.  

Esta actividade, que se enmarca no aniversario da Banda de Música ulloá, trasladarase a Monterroso no mes de xuño tras o seu paso por Antas de Ulla e Palas de Rei.

A Banda de Música de Antas de Ulla fundouse en 1896 e mantivo de forma ininterrompida a súa actividade ata a Guerra Civil, cando se disolveu, retomándose o proxecto a principios dos anos 80.