Deputación de Lugo

A Deputación achega o 80% do orzamento para a celebración do salón ecuestre EQUIGAL

Equigal
Os deputados de Promoción Económica e Social e de Recursos Sostibles presentaron no Pazo de San Marcos a cita, que se celebrará durante as fins de semana do mes de maio no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo

A institución provincial colabora con 40.000 euros na organización do encontro polo seu retorno económico e polo impulso que supón para o sector primario

Os deputados de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, presentaron este luns o XV Salón Internacional do Cabalo, EQUIGAL, que se celebrará no  Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo neste mes de maio. A institución provincial achega 40.000€ para a organización desta cita, o que supón o 80% do orzamento necesario para a posta en marcha deste salón.

Rivera Capón destacou que esta cita supón “un efecto dinamizador do ocio e da economía, o que explica a colaboración que a Deputación de Lugo vén mantendo con este Salón especializado dende o seu nacemento”. “Apostar polo mundo do cabalo supón unha decisión lóxica e coherente no desenvolvemento de políticas que modernicen o noso sector primario, que o relacionen co mundo do ocio ou da investigación”, sinalou o Deputado. 

“Precisamos actividades coma este Salón Internacional do Cabalo, que xeran valor engadido, e que aportan proxección nacional e internacional ó noso agro”, recordou Pablo Rivera. Así mesmo, o Deputado de Recursos Sostibles destacou a importancia desta cita, que “este ano supera nun 10% as inscricións nas probas de salto e no Concurso Morfolóxico de Pura Raza Árabe con respecto á edición de 2021”. 

No acto de presentación, celebrado na Sala de Xuntas da Deputación de Lugo, tamén asistiron o xerente do Pazo de Feiras e Exposicións, Rubén López; o Presidente da Asociación Galega de Hípica, Federico Pérez Lago; o concelleiro de Xuventude e Deporte do Concello de Lugo, Mauricio Repetto, e o Xefe Territorial de Presidencia da Xunta, Gerardo Criado.

Esta cita concentrará o Concurso Nacional de Salto de Obstáculos Cidade de Lugo, o V Concurso de Cabalos de Pura Raza Árabe, o XV Concurso Internacional de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, o Concurso Morfolóxico de Cabalos de Pura Raza Galega, así como unha Proba de Enganches que entra dentro da categoría de Xogos Ecuestres Federados. Ademais, está prevista a organización de actividades gratuítas de iniciación ao mundo ecuestre dirixidas a escolares de quinto e sexto de Primaria.

O Salón Internacional do Cabalo de Galicia é, dende o 2008, unha cita ecuestre de referencia do noroeste de España. A pasada edición EQUIGAL recibiu a máis de 9.500 visitantes, a pesar de contar con un aforo limitado ao 80% a causa da pandemia, e acolleu preto de 250 exemplares.