Deputación de Lugo
Turismo

Prazas libres para a primeira fin de semana de rutas gratuítas polo románico da provincia

Día da Transrománica
Meira
A Deputación anima á cidadanía a inscribirse nos percorridos por Antas de Ulla, Guntín, Palas de Rei e Monterroso, programadas para o sábado, e por Taboada e Pantón, que terán lugar o domingo. As actividades en Chantada e O Saviñao están completas

A programación de rutas organizada pola institución provincial con motivo do Día da Transrománica continuará o luns, en Lugo, e os días 14 e 15 de maio por Sober, Monforte, O Courel, Meira, Portomarín, Paradela, Foz, Sarria e Viveiro

As persoas interesadas poden inscribirse na web http://inscricions.deputacionlugo.org ata dous días antes das rutas ou completar aforo

A Deputación de Lugo anima á veciñanza e aos visitantes da provincia a inscribirse nas rutas gratuítas polo románico que organizou este mes de maio con motivo do Día da Transrománica co fin de promocionar este patrimonio, contribuíndo desta forma a apoiar o sector do turismo, a hostalería e o comercio, e a seguir consolidando un modelo de turismo de calidade e sostible con capacidade para atraer visitantes durante todo o ano, e xerar actividade económica e emprego, sobre todo no rural.

Para esta primeira fin de semana de actividades quedan prazas libres nos percorridos por Antas de Ulla, Guntín, Palas de Rei e Monterroso, programadas para o sábado día 7, e por Taboada e Pantón, que terán lugar o domingo día 8. En canto ás actividades en Chantada e O Saviñao, están completas.

A programación continuará o luns, en Lugo, que tamén ten as prazas esgotadas, e os días 14 e 15 de maio haberá rutas por Sober, Monforte, O Courel, Meira, Portomarín, Paradela, Foz, Sarria e Viveiro, todas elas con aforo dispoñible.

As inscricións poden facerse na web http://inscricions.deputacionlugo.org ata dous días antes das actividades ou ata completar aforo. Para máis información, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 982.260.011 e 982.260.234, ou dirixirse ao correo electrónico romanico@deputacionlugo.org 

Programa de rutas polo románico da provincia de Lugo

Sábado, 7 de maio
- 10.30 horas. O románico nas Terras da Ulloa. Antas de Ulla
- 11.00 horas. Románico do Lugo rural e Guntín
- 16.30 horas. O románico de Chantada (Prazas esgotadas)
- 16.30 horas. O románico nas Terras da Ulloa: Palas de Rei e Monterroso

Domingo, 8 de maio
- 10.30 horas. Taboada: O románico menos coñecido
- 10.30 horas. Pantón: A Ruta do Monacato Feminino
- 16.30 horas. O Saviñao: Románico con vistas ao Miño (Prazas esgotadas)

Luns, 9 de maio
- 11.30 horas. A Catedral de Lugo e a Cidade Medieval (Prazas esgotadas)

Sábado, 14 de maio
- 10.30 horas. O románico en Sober
- 10.30 horas. Monforte na historia
- 16.30 horas. O románico no Xeoparque das Montañas do Courel
- 16.30 horas. Santa María de Meira

Domingo, 15 de maio
- 10.30 horas. O Románico na contorna do Miño e o Camiño de Santiago: Portomarín e Paradela
- 10.30 horas. San Martiño de Mondoñedo
- 16.30 horas. O Románico no Camiño Francés
- 17.00 horas. Santa María do Campo e Viveiro histórico

Promoción europea
A Ruta Transrománica na que ingresou a Deputación de Lugo está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas. Está integrada por rexións de 9 países da Unión Europea -Austria, Alemaña, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España- e aglutina un conxunto de monumentos románicos, moitos deles declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

A provincia de Lugo é o terceiro lugar de toda España que forma parte desta entidade, despois de Castela e León, co mosteiro de Santo Domingo de Silos, e a cidade de Zamora, e conta na súa ruta con 10 igrexas de arte románico situadas noutros tantos concellos da Ribeira Sacra: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.