Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inviste 363.000€ para continuar coas melloras da estrada da Pastoriza a Muimenta

estradas
Rede provincial de estradas
A Pastoriza
Muimenta
A institución provincial vén de licitar os traballos para renovar o firme e dotar de beirarúas ao primeiro tramo da LU-P-4401, onde xa tiña en marcha obras para rehabilitar outros 11 quilómetros de firme por un importe de máis de 300.000€

Esta vía é moi utilizada pola veciñanza de Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei, así como polas persoas que se desprazan pola comarca chairega e os usuarios e usuarias das diferentes instalacións deportivas ás que dá servizo

A Deputación de Lugo investirá 363.000€ para continuar coas melloras da estrada provincial LU-P-4401, que conecta Pastoriza e Muimenta pola parroquia de Reigosa. A Xunta de Goberno vén de aprobar a licitación destes traballos, que comprenden o inicio da vía ata o punto quilométrico 1,550. Unha vez iniciadas as obras, o prazo de execución é de 3 meses.

Esta actuación contempla a dotación de novas beirarrúas nas marxes da estrada, rehabilitación do firme, sinalización mediante marcas reflexivas brancas e melloras na iluminación coa reposición de elementos. Estes traballos complementan os xa iniciados nesta vía para arranxar, por tramos, o pavimento de preto de 11 quilómetros e renovar a pintura de toda a estrada por un importe de máis de 300.000€, o que redundará na mellora da comodidade e seguridade da vía.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, subliñou que esta é unha estrada “moi empregada pola veciñanza dos concellos da Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei, pero tamén polas persoas que se desprazan pola comarca chairega”. Engadiu que esta actuación beneficiará tamén aos usuarios e usuarias das instalacións deportivas ás que dá servizo, como o polideportivo e as piscinas municipais da Pastoriza ou o campo de fútbol do Acebreiro.

Máis de 17M€ na Terra Chá

A Deputación de Lugo leva investidos desde o inicio do mandato máis de 17M€ en infraestruturas viarias na Terra Chá a través de varias liñas de actuación. Dos 4.200 quilómetros da rede de estradas provinciais, a máis longa de toda España e tres veces maior ca da Xunta de Galicia na provincia, máis de 650 quilómetros percorren esta comarca, repartidos en 139 vías. Discorren polos municipios de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Meira, Muras, A Pastoriza, Pol, Vilalba e Xermade.
 

*FOTO Traballos xa en marcha na LU-P-4401 para mellorar 11 quilómetros de firme.