Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación mellorará con 95.000€ a estrada que comunica A Fonsagrada e Negueira de Muñiz

a fonsagrada
Negueira de Muñiz
Montaña lucense
Imaxe deputación de lugo
A institución provincial aprobou a licitación dos traballos para renovar o firme nun tramo de algo máis dun quilómetro da LU-P-3601, que descorre limítrofe con Asturias, e dotala dun espazo para peóns nunha das súas marxes

Esta vía é moi utilizada pola veciñanza, visitantes e peregrinos, que a empregan para acceder ao Camiño Primitivo, e tamén a rutas de sendeirismo, miradoiros e outros recursos turísticos da zona da Montaña

A Deputación de Lugo rehabilitará con 95.000€ a estrada provincial LU-P-3601, que conecta O Acebo, no concello da Fonsagrada, con Negueira de Muñiz e que descorre limítrofe co Principado de Asturias. A Xunta de Goberno vén de sacar adiante a licitación destas obras, que comprenden desde o punto quilométrico 1,823 ata o 3,1. Unha vez iniciadas as obras o prazo de execución será de 3 meses.

Os traballos contemplan a apertura de cunetas, limpeza e drenaxe transversal; executarase unha nova cuneta de formigón e tamén un espazo para a circulación de peóns na marxe esquerda. Ademais pavimentarase o firme, sinalizarase con marcas reflexivas brancas e instalarase unha barreira metálica.

Trátase dunha estrada de montaña que en boa parte do seu percorrido descorre enriba dos 1.000 metros e que está moi exposta ás nevaradas durante o inverno. A vía vertebra ademais unha zona na que conflúen catro reservas da biosfera: Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Ancares Leoneses; e a Reserva da Biosfera asturiana Bosques de Muniellos, Fuentes del Narcea, Degaña e Ibias.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, sinalou que esta é unha actuación moi importante para a veciñanza, os visitantes e os peregrinos, “porque o alto do Acebo é a porta de entrada do Camiño Primitivo en Galicia desde Asturias”. Engadiu que a LU-P-3601 dá servizo tamén a diferentes rutas de sendeirismo, miradoiros e outros recursos turísticos da zona da Montaña.

Máis de 14M€ na Montaña

A Deputación de Lugo leva investidos desde o inicio do mandato máis de 14M€ en infraestruturas viarias na Montaña a través de varias liñas de actuación. Dos 4.200 quilómetros da rede de estradas provinciais, a máis  longa de toda España e tres veces maior ca da Xunta de Galicia na provincia, preto de 900 quilómetros percorren esta comarca, repartidos en 110 vías. Descorren polos municipios de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín.

A institución provincial actúa nas estradas da comarca con proxectos de mellora, a través do Plan Único, cos medios propios do Parque Móbil e tamén con cargo ao Plan Provincial de Conservación de Estradas.