O Presidente dá a saída en Monforte a unha marcha para visibilizar a ELA
O Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, participou este domingo na II Marcha Solidaria polo Día Mundial da ELA, organizada pola Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA) no municipio monfortino con motivo do Día Mundial da ELA, unha xornada que se conmemora cada 21 de xuño. A marcha arrancou da Praza da Compañía e rematou no Parque do Malecón, e serviu para visibilizar o apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade neurodexenerativa. José Tomé puxo en valor o labor das asociacións como AgaELA e lembrou que na provincia de Lugo hai ao redor de 45 persoas diagnosticadas de ELA, o que representa o 13% dos casos galegos.
Reclamou Tomé Roca “que se axilicen as axudas previstas na Lei da ELA aprobada pola Xunta en 2025, ante as queixas dos colectivos polos atrasos”. A andaina, que será a primeira dunha serie de mobilizacións solidarias que se desenvolverán por distintos puntos de Galicia, incluíu música e unha homenaxe a Germán Macía, veciño de Monforte falecido por ELA.