O Presidente mantén un encontro co Alcalde de Rábade para abordar as necesidades do concello
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu no Pazo de San Marcos ao Alcalde, Xosé Fernández Montes, e ao tenente de Alcalde de Rábade, Alejandro Martínez, cos que mantivo un encontro para analizar as necesidades do municipio. José Tomé comprometeuse a realizar proximamente unha visita á localidade para concretar actuacións e vías de colaboración en beneficio dos veciños e veciñas.
A Deputación, con Rábade
Dentro desta liña de colaboración cos concellos, a Deputación de Lugo destinou no que vai de mandato preto de 600.000€ a Rábade.
Así, neste ano 2022, a institución provincial destina máis de 195.000€ ao Concello a través do Plan Único para a mellora de infraestruturas, creación de emprego e actividades culturais. En concreto, a institución provincial destina preto de 150.000€ á humanización da contorna da Praza Castelao, unha actuación importante para o día a día da veciñanza. Estes fondos do Plan Único tamén se destinan ao funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar con máis de 20.000€, á creación de emprego con 17.500€ ou a organización da cita cultural A Rabaca 2022, con 9.000€.
Outras das actuacións importantes que se fixeron nos últimos meses grazas ao investimento da Deputación de Lugo foi arranxar a estrada provincial LU-P-5102, na Rúa Músico Crisanto, cun orzamento de 150.000€. Así mesmo, tamén na vila, a institución achegou 131.000€ para renovar por completo a Rúa José Pardo Montenegro.