Deputación de Lugo

Pablo Rivera pon en valor o apoio da Deputación ao sector primario nun encontro da USC e a Sociedade Española de Ciencias Hortícolas sobre froitos do bosque

Froitos do Bosque
sector primario
USC
universidade

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou na tarde deste xoves no Vicerreitorado do Campus Terra na xornada Fertilización, Substratos, Fresón e outros Froitos Vermellos organizada pola Universidade de Santiago de Compostela e a Sociedade Española de Ciencias Hortícolas coa participación de expertos e investigadores de toda España. “A actividade agrícola é un dos piares básicos da economía da provincia. É por iso que dende a Deputación de Lugo apoiamos as iniciativas que, coma esta, teñen que ver coa posta en valor dos nosos recursos e potencialidades”, destacou o Deputado.

Os participantes nesta xornada coñeceron a viticultura heroica, na Ribeira Sacra, e os xardíns verticais, entre outras visitas. Pablo Rivera sinalou algunha das colaboracións da Deputación co tecido asociativo e produtivo vinculado ao sector primario, encamiñadas a “crear emprego no rural e frear o abandono do territorio e o despoboamento”. O Deputado destacou a Granxa Gayoso Castro provincial como “un centro de referencia en Galicia “que apoia a actividade agrogandeira a través da formación, a innovación e a investigación”, entre outras accións, como a colaboración coa Asociación Forestal Galega (ASEFOGA) para promover o cultivo sostible de froitos do bosque cunha achega anual de 40.000€.