Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

A cooperativa Almoga S.C.G. recibe o apoio de Medio Rural da Deputación para continuar coa promoción do cultivo do chícharo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
Mónica Freire
ALMOGA SCG
CHÍCHARO DA COVA

Medio Rural da Deputación de Lugo colabora coa cooperativa chairega Almoga SCG nunha campaña de divulgación sobre o aproveitamento do chícharo da cova. A área dirixida por Mónica Freire presta apoio económico á iniciativa que está a desenvolver a cooperativa, dirixida a promover este cultivo como vía de diversificación produtiva das granxas e para incidir na necesidade dunha soberanía alimentaria real, tanto para a poboación como para os propios animais.

O persoal técnico da cooperativa ofrece asesoramento aos gandeiros e gandeiras asociados/as e a titulares doutras granxas que o demandan.  O obxectivo da campaña é ofrecer alternativas que favorezan a rendabilidade das granxas nun contexto de crise, tanto polo aumento dos custes de produción como pola falta de relevo xeracional no sector.

Mónica Freire subliñou que “desde a área de Medio Rural tratamos de impulsar e acompañar todas as iniciativas que aposten por aproveitar as potencialidades produtivas do rural, como é o caso desta campaña de Almoga S.C.G, que procura alternativas para garantir a viabilidade das granxas e pequenas explotacións agrícolas e, polo tanto, a posibilidade de traballar e vivir no rural, permitindo unha soberanía alimentaria para a poboación galega e para os propios animais das granxas”.

Dende o ano 2.108 pecharon máis de dúas mil granxas de vacún de carne en toda Galiza, ademais de reducirse a superficie agraria útil. Este tipo de iniciativas son vitais para a supervivencia do noso tecido produtivo primario e para o sustento social e económico de zonas de interior e de montaña moi deprimidas demograficamente.

Almoga SCG, que agrupa 47 ganderías de vacún de carne e produción agrícola das comarcas da Terra Chá e do Eume, conta con dous técnicos agrícolas titulados realizando labores de asesoramento e xestión, centradas neste primeiro semestre do ano na difusión das posibilidades que ofrecen os cultivos hortofrutícolas e leguminosos na Terra Chá.

Cómpre destacar a recuperación que leva facendo a cooperativa co “chícharo da Cova”, que dende fai catro anos están promovendo o cultivo deste pequeno chícharo que tanto vale para consumo en verde coma en seco, para o consumo como forraxe de alto contido proteico para o gando e para elaborar fariñas, así como o seu uso como abono verde na renovación dos pasteiros ou na rotación dos cultivos.