Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación de Lugo achega máis de 21.000€ para celebrar a Festa da Torta de Millo de Guitiriz

turismo
Guitiriz
O Deputado de Participación Cidadá asistiu á presentación da quinta edición desta cita que se celebra o vindeiro sábado e contará cunhas 1.000 racións para degustar e actividades para todos os públicos

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participou este luns na presentación da quinta edición da Torta de Millo de Guitiriz, que se levará a cabo o próximo sábado 28 de maio, xunto á Alcaldesa, Marisol Morandeira, e concelleiros e concelleiras do municipio chairego. A institución provincial achega a esta cita gastronómica, que se recupera tras dous anos de parón pola crise sanitaria, 21.541 euros a través do Plan Único 2022 para a organización das distintas iniciativas que se levarán a cabo durante a xornada.

García Pernas recordou que a aposta por estas citas “demostra ben o compromiso que temos dende a institución provincial con Guitiriz, coa Chaira e coa promoción dos produtos de proximidade. Con festas como a da Torta de Millo estamos atraendo un turismo de calidade e sostible, e que pon en valor o noso patrimonio, un modelo polo que apostamos para favorecer un desenvolvemento equilibrado do territorio e un modelo que gañou moitos enteiros co paso da pandemia”.

A Festa da Torta de Millo repartirá unhas 1.000 racións e completará o programa con actuacións de agrupacións locais, unha mostra de artesanía e un obradoiro para os máis pequenos vencellado ao produto estrela do concello. Pola noite será Sés quen poña o broche musical a esta cita que, por primeira vez, se celebra no mes de maio.

Roberto García animou á veciñanza da provincia a “achegarse á Festa da Torta de  Guitiriz, degustar este doce e participar nas numerosas actividades que o Concello nos ten preparadas, así como coñecer todo o seu patrimonio natural, cultural, monumental e, por suposto, gastronómico”.