Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente defende o deporte como motor de inclusión na maratón urbana organizada por Special Olympics

Special Olympics
José Tomé Roca deu a benvida á provincia aos máis de 150 participantes de 14 entidades de toda Galicia que se achegaron a Sober para competir nesta proba

A Deputación de Lugo colabora co colectivo cunha achega de 10.000€ para a organización de probas deportivas

O mandatario provincial apuntou que “o deporte representa valores como o esforzo, a constancia, a vontade de superación, o compañeirismo e o respecto aos demais, e poucas organizacións traballan mellor arredor destes valores que Special Olympics. Un traballo co que concordan plenamente as políticas sociais que desenvolvemos dende a Deputación, para dar visibilidade e para mellorar a calidade de vida e a integración a todos os niveis das persoas con discapacidade”. 

José Tomé felicitou aos máis de 150 participantes de 14 entidades de toda Galicia pola súa “ilusión e esforzo, e por dar un exemplo de afán por mellorar”, así como aos adestradores, familias, voluntarios e todas aquelas persoas “que fan realidade, día a día, este fermoso proxecto de deporte inclusivo”, con actividades como a maratón urbana, os xogos de fútbol sala, de baloncesto ou as marchas ciclistas unificadas, entre outras. 

“A familia de Special Olympics pon todos os medios para que a sociedade avance máis rápido, con máis forza e máis lonxe polo camiño da inclusión, do respecto e da igualdade. Uns obxectivos que nos fan a todos e todas mellores e máis fortes como sociedade”, subliñou o Presidente.