Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación descubre esta semana o patrimonio lucense a oito entidades co programa Coñece a túa provincia

Coñece a túa Provincia
A veciñanza de Vilalba, Lugo, Baleira, Outeiro de Rei e Alfoz percorrerá esta semana A Mariña e a Ribeira Sacra grazas ás viaxes gratuítas da institución provincial para dinamizar o turismo, a hostalería e o comercio

A Mariña e a Ribeira Sacra son os territorios que percorrerán esta semana os participantes no programa da Deputación de Lugo Coñece a túa provincia. Dende hoxe ata o venres a veciñanza de Vilalba, Lugo, Baleira, Outeiro de Rei e Alfoz coñecerá o patrimonio natural e cultural da provincia de Lugo a través de diferentes itinerarios.

A Asociación de Veciños de Santa Eulalia de Román, de Vilalba, e a Asociación de Prexubilados e Xubilados Xubilia Lucus, de Lugo, foron este martes as primeiras entidades en participar na programación desta semana.

Os vilalbeses coñeceron o Mazo de Santa Comba e, posteriormente, desprazaranse o concello de Sober, cunha visita á rectoral de Gundivós e á igrexa románica de San Xiao de Lobios. Ademais, visitaron a Ribeira Sacra a través dun percorrido no catamarán da Deputación. 

Pola súa banda, os lucenses coñeceron o traballo da institución provincial na Granxa Gayoso Castro e continuaron a viaxe á Mariña, onde coñeceron O Vicedo, Viveiro e Ourol. Neste itinerario achegáronse ao Fuciño do Porco, a área etnográfica da Insua ou a Fervenza da Xestosa, entre outros lugares. 

As excursións no mes de xuño estrearaas a Asociación de Veciños Santa Cristina de San Román, de Lugo, cunha visita ao Pazo de San Marcos e, posteriormente, tamén descubrirán os concellos de Viveiro, O Vicedo e Ourol. Este día tamén a Asociación de Pensionistas e Xubilados de Baleira visitará A Mariña. Neste caso achegaránse ás instalacións da Produtora do Servizo de Audiovisuais e coñeceran enclaves singulares dos concellos de Xove e Viveiro.

Será o xoves cando a Asociación de Viandantes do Camiño Primitivo ou Ovetense visite O Vicedo, Viveiro e Ourol, tras coñecer as instalacións da Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo. Tamén esa xornada visitará O Saviñao e as instalacións do Pazo de San Marcos a Federación de Amas de Casa Avatar de Lugo.

O venres a Asociación de Veciños de San Mamede das Oiras, de Alfoz, percorrerá a provincia para coñecer Sober e, antes, visitará o Centro de Interpretación Terras do Miño. Tamén participarán usuarios da Asociación Cultural O Cruceiro, de Outeiro de Rei, que se achegaron a Granxa Gayoso Castro para logo viaxar ao Vicedo, Viveiro e Ourol, na comarca da Mariña.

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou o éxito do programa Coñece a túa Provincia, co que “buscamos apoiar a actividade do sector turístico, hostaleiro e comercial, e consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible, con capacidade para atraer visitantes ao longo do ano, que pon en valor o patrimonio e que mantén e crea emprego, sobre todo no rural”. 

Polo turismo de proximidade

Máis de 3.000 persoas de 135 asociacións beneficiaranse das viaxes gratuítas pola xeografía lucense nesta segunda tempada do Coñece a túa Provincia. As saídas terán lugar en dúas quendas que permitirán coñecer a provincia en primavera, entre marzo e xuño, e en outono, de setembro a novembro.

O programa inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas son realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.